Esixen a Sanidade que ofreza un «servizo de calidade» aos usuarios do Centro de Saúde de A Pobra do Brollón

O alcalde de Brollón proporá á Consellería que lle permita pagar con fondos do Concello o médico que falta no Centro de Saúde tres días á semana

O alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, acompañado do deputado autonómico Cosme Pombo; o concelleiro de Brollón Ricardo Rodicio; e a responsable de Política Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, na rolda de prensa que ofreceron en Santiago no mes de decembro para reclamar a reposición dun médico no Centro de Saúde de Brollón.  Arquivo EC.
O alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, acompañado do deputado autonómico Cosme Pombo; o concelleiro de Brollón Ricardo Rodicio; e a responsable de Política Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, na rolda de prensa que ofreceron en Santiago no mes de decembro para reclamar a reposición dun médico no Centro de Saúde de Brollón. Arquivo EC.

• O alcalde de A Pobra do Brollón, o nacionalista Xosé Lois Maceda, anunciou que vai pedir á Consellería de Sanidade que «repoña de xeito inmediato o médico que falta no Centro de Saúde da localidade tres días na semana ou, do contrario, que deixe que sexa o propio Concello quen lle pague o seu salario eses tres días ao médico para que poida adicarse a tempo completo a atender aos veciños e veciñas do concello».

MACEDA: «O SERGAS ESTÁ A FACER DEIXACIÓN DAS SÚAS FUNCIÓNS»

Maceda argumentou a súa proposta alegando que «os veciños e veciñas reclaman unha atención sanitaria conforme a uns parámetros de calidade que todo cidadán galego debera recibir». O rexedor nacionalista declarou o apoio do Goberno local ás reivindicacións veciñais, e afirmou que «se o Sergas, a Xunta e o Partido Popular queren seguir deixando tirados aos veciños e veciñas da Pobra do Brollón o seu alcalde non está disposto a toleralo, por iso propoñemos que nos deixen pagar a nós ao médico, para que poida vir todos os días».

Maceda explicou que son sabedores de que a sanidade non é unha competencia municipal, pero «diante da pasividade do Sergas e da Xunta, co consentemento do PP aquí no concello e na comarca, decidimos non quedar quietos», e criticou que o Sergas «está a facer deixación das súas funcións». O alcalde de A Pobra precisou que destinar fondos municipais a pagar un médico vai repercutir nas arcas do Concello, «non poderemos facer obras, pero pensamos que atender á xente e a saúde da poboación é o primeiro».

POMBO: «OS DEPUTADOS DO PP DE LEMOS TRAICIONAN AOS SEUS VECIÑOS»

Ao día seguinte deste anuncio, o Parlamento de Galicia debatiu unha proposición non de lei presentada polo BNG sobre a necesidade de reposición dun facultativo no Centro de Saúde da Pobra do Brollón. Na súa proposición, os nacionalistas instaban á Xunta de Galiza a nomear un médico para substituír ao que se encontra de baixa desde agosto e atender, «todos os días da semana», aos pacientes do Centro de Saúde deste municipio, que agora mesmo está a ser atendido por un só médico a maior parte da semana. Este facultativo atende a unha poboación de 1.894 habitantes, caracterizada pola súa dispersión e polo seu envellecemento, xa que o 60% ten máis de 65 anos. O médico substituto presta o seu servizo tan só dous días á semana.

Dado que o Partido Popular rexeitou esta iniciativa, o deputado autonómico do BNG, Cosme Pombo, acusou aos deputados do PP na comarca de Lemos de «traicionar aos seus veciños e veciñas e actuar de caladiños para non ter que enfrontarse a Feijóo reclamando algo que é de xustiza».

OS SOCIALISTAS DE BROLLÓN CRITICARON A «POLÍTICA REDUTORA» DA XUNTA

Pola súa banda, o deputado socialista Vicente Docasar, a petición dos edís de Brollón Javier González e Dora Fernández, rexistrou varias iniciativas no Parlamento Galego para pedir que a Xunta garanta a calidade asistencial neste municipio. Os socialistas denunciaron que «o que está a pasar en Brollón é consecuencia «da política redutora da Xunta», plasmada tamén no anuncio de reducir médicos nos concellos de menos de 2.000 habitantes. Según os socialistas, estes recortes afectarían na zona sur a tres municipios e 4.632 cidadáns.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación arranxará a estrada Pedrafita-Seoane do Courel

Seguinte Nova

Tres medallas para os deportistas do club Neka no Open de España

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: