José Tomé Roca, candidato do Partido Socialista á alcaldía de Monforte de Lemos

 

«Neste momento, Monforte está diante dunha nova ilusión, e se todos remamos na mesma dirección Monforte vai saír adiante»

José Tomé Roca, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Monforte, no despacho da Escola de Capacitación Agraria onde desenvolve o seu traballo. EC.
José Tomé Roca, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Monforte, no despacho da Escola de Capacitación Agraria onde desenvolve o seu traballo. EC.

 

Repite como cabeza de lista dos socialistas en Monforte. Que novidades presenta para as eleccións de maio?

A candidatura que presentamos dende o Partido Socialista creo que é a máis completa que me leva acompañado na miña traxectoria política. Repite como número dous a miña compañeira Gloria, que nas pasadas eleccións figurou de número catro, unha persoa moi traballadora e de moita valía persoal. As novidades máis importantes están no posto número tres, onde figura Iván Torres Rodríguez, fillo do que foi alcalde de Monforte Celestino Torres, e de número catro vai unha compañeira, Pilar Espinosa Novelle, que é médico de Atención Primaria no ambulatorio de Monforte, e que son digamos dúas caras novas, as máis relevantes que figuran nos primeiros postos da miña candidatura. Son persoas que teñen a súa vida resolta, Iván ten a sorte de ter un despacho de avogados con moito traballo, e Pilar é médica con praza, así que non veñen buscar nada ao Concello, ao contrario, só veñen a aportar, a traballar e por un compromiso persoal conmigo e con Monforte. Van aportar todo o que poidan para tratar de sacar isto adiante.

A súa proclamación como candidato contou coa presencia en Monforte do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro.

A min úneme unha gran amistade e unha relación persoal con José Ramón Gómez Besteiro dende a súa etapa xa no Concello de Lugo, pero estreitada ao longo destes dous mandatos como presidente da Deputación. Nestes oito anos tivemos ocasión de colaborar e traballar moito xuntos, e conseguir cousas para Monforte. Neste sentido, quero dicir que fixo máis por Monforte a Deputación Provincial con 90 millóns de euros de presuposto ao ano que a Xunta de Galicia cun presuposto anual de 10.000 millóns. Polo tanto, o grao de compromiso está ben claro. Que Gómez Besteiro viñera arrouparme na miña presentación para min é un tremendo orgullo, que este compañeiro que ademais non só é o secretario xeral dos socialistas de Galicia senón que vai ser case seguro o próximo presidente da Xunta, para min é un respaldo e un aval moi importante para seguir traballando, e para estar seguro de que Monforte vai seguir tendo o apoio político que necesita fóra.

Na súa proclamación como candidato á alcaldía de Monforte, José Tomé estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro; o secretario provincial do partido en Lugo, Juan Carlos González Santín; e membros da súa candidatura ás eleccións municipais de maio. EC.
Na súa proclamación como candidato á alcaldía de Monforte, José Tomé estivo acompañado polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro; o secretario provincial do partido en Lugo, Juan Carlos González Santín; e membros da súa candidatura ás eleccións municipais de maio. EC.

Dende a súa experiencia de goberno no bipartito de hai 2 mandatos, e logo de 8 anos na oposición, faga unha análise breve de como está Monforte ás portas das municipais.

Lamentablemente, Monforte está paralizado, está vivindo unha parálise económica e social, e polo tanto, Monforte necesita poñelo a andar. Poño como exemplo un coche, que como Monforte está parado, estacionado, e haino que encender e logo intentar poñelo en marcha. Iso é o que necesita Monforte, porque se Monforte continúa pola senda que leva agora mesmo, retrocedemos. De feito, o último ano perdemos máis de 200 habitantes, dende abril do ano pasado a abril deste ano, hai 200 habitantes menos. Polo tanto, estamos en franco retroceso e hai que invertir esta tendencia, porque senón deixaremos de ser ese referente do sur da provincia e do centro de Galicia. Este cruce de camiños entre Ourense e Santiago que sempre foi Monforte non pode perder o seu peso. A situación actual de Monforte é de parálise, de pouca actividade económica, de pouca actividade industrial, o comercio vai aguantando un pouco da economía local pero o comercio solo non pode aguantar sempre. Polo tanto, hai que facer algo para cambiar esta tendencia.

Leva anos en política municipal, tenlle collido o pulso á rúa, na que hai desencanto pola política. Que propoñen os socialistas para convencer á cidadanía de Monforte?

É certo que neste momento hai un desapego á política, e penso que foi ganado a pulso pola maioría dos políticos de todos os partidos, uns máis que outros. O Partido Popular tratou de denigrar a política durante moito tempo, e agora é un problema que lle estallou nas mans. Pero de rebote isto aféctanos a todos. Eu o que noto agora en Monforte é que hai, digamos, unha nova ilusión hacia o Partido Socialista. Estame ocurrindo algo que nunca me tiña ocurrido, e é que moita xente se achega a saludarme, a falar comigo, e che colle a man e dache ánimos. Creo que a xente ve que o futuro de Monforte pasa polo Partido Socialista, e percibo unha nova ilusión neste sentido. Despois de doce anos de goberno do Bloque Nacionalista Galego, onde neste momento, despois dunha etapa de goberno tan longa, o Bloque non ten nada novo que ofrecer, no sentido de que o proxecto está agotado, e non se coñecen novas propostas. O Partido Popular ten claro e está demostrado que non se compromete con Monforte, é dicir, Monforte para o Partido Popular non existe, por non concederlle non lle concede nin un simple obradoiro de emprego. Polo tanto, calquer necesidade ou problema que teña Monforte e que requira dun custe superior, dende logo o Partido Popular non a vai resolver. O Goberno do Partido Popular retrasou todas as obras públicas que tiña en marcha ou que tiña contratadas o Goberno de Emilio Pérez Touriño, polo tanto o que fixeron foi ralentizar todo. Por iso que con Monforte o Partido Popular non ten compromiso, ao contrario. Polo tanto, creo que a xente percibe agora mesmo unha nova ilusión en torno ao Partido Socialista.

Como ve o panorama de opcións políticas cara ás municipais en Monforte?

Previsiblemente, van ser cinco candidaturas as que se presenten por Monforte. Con todo o respecto a cada unha delas, parece que as máis votadas van ser os tres partidos de sempre, o Partido Popular, o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego. Nós dende logo aspiramos a ganar estas eleccións. O Partido Popular e a súa candidata non se comprometen con Monforte e cos problemas deste concello, e o Bloque Nacionalista Galego remata unha fase, unha etapa de doce anos onde o seu proxecto está agotado. A nova ilusión que representa para os cidadáns e que aporta propostas concretas é o Partido Socialista, que ademais ten o apoio claro e decidido do presidente da Deputación de Lugo, e dende logo se mañá é o presidente da Xunta de Galicia vai seguir mantendo este apoio a Monforte cun goberno socialista. Penso que neste momento Monforte está diante dunha nova expectativa, dunha nova ilusión, dunha nova esperanza, e estou seguro de que se todos remamos na mesma dirección Monforte vai saír adiante.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Arrinca a programación cultural en Ribas de Sil para esta primavera

Seguinte Nova

Lugo foi a sede da II Asemblea Nacional da Federación Rural Galega (FRUGA)

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss