Lugo foi a sede da II Asemblea Nacional da Federación Rural Galega (FRUGA)

O presidente de Fruga, Xurxo Álvarez, destacou a importancia da pervivencia do rural no futuro de Galicia Álvarez lembrou o desafío de garantir a «soberanía alimentaria», ademais do papel do rural na nosa cultura e na conservación da biodiversidade

Na imaxe, a xunta directiva da Federación Rural Galega (FRUGA), durante a celebración en Lugo da II Asemblea Nacional deste colectivo a finais do mes pasado. (Foto cedida).
Na imaxe, a xunta directiva da Federación Rural Galega (FRUGA), durante a celebración en Lugo da II Asemblea Nacional deste colectivo a finais do mes pasado. (Foto cedida).

• A finais do mes pasado, a capital provincial acolleu a celebración da II Asemblea Nacional da Federación Rural Galega (FRUGA), e na que se debatiu sobre o papel que debe xogar o rural no futuro de Galicia.

«O RURAL GARANTE A TAN DEMANDADA SOBERANÍA ALIMENTARIA DE GALICIA»

O presidente de FRUGA, Xurxo Álvarez, fixo referencia a como o rural «é garantía de alimentación para os galegos e galegas, e nos proporciona a tan demandada soberanía alimentaria». Álvarez tamén incidiu no peso específico que sempre tivo o rural na configuración do noso país, «como o cerne da nosa cultura en todas as súas expresións ao longo do tempo». O presidente de FRUGA insistiu tamén na actualidade do rural «pola súa función de sempre de conservador do que hoxe en día se coñece coma biodiversidade», ademais de constituír «a única actuación de verdade efectiva fronte os lumes».

CONTRARIOS Á DESAPARICIÓN DAS COTAS LÁCTEAS

En canto ás problemáticas sectoriais, na II Asemblea Nacional de FRUGA quedou patente a súa oposición á desregularización do sector lácteo pola desaparición das cotas. Dende este colectivo agrogandeiro, lembraron que Galicia é a primeira potencia produtora de España, polo que demandan unha serie de actuacións por parte do Goberno galego. Así, instan ao Executivo autonómico para que constitúa a Interprofesional Láctea Galega, «como lugar onde chegar a acordos firmes que permitan que os prezos que cobremos polo noso leite cubra, cando menos, os custes de produción». Por outra banda, reclaman a intervención da Administración galega «para conseguir que o sector lácteo galego se dote dun tecido industrial propio».

RESPECTO ÁS NORMAS DOS CONSELLOS REGULADORES DO VIÑO

Na II Asemblea Nacional de FRUGA tamén estivo presente o debate sobre o sector vitivinícola. Dende FRUGA consideran que «o futuro deste sector e a supervivencia económica das explotacións e adegas galegas pasa polo respecto ás normas de que nos temos dotado no seo dos Consellos Reguladores». A sostibilidade deste sector, según FRUGA, vai ligada «ao futuro dos Consellos Reguladores e ao control dos rendememtos a través dos seus regulamentos».

NON Á PRIVATIZACIÓN DOS MONTES VECIÑAIS

Noutros aspectos, a II Asemblea Nacional de FRUGA amosou a súa «total oposición» á privatización dos Montes Veciñais, e reclamou a supresión destas «falsas débedas», así coma o Tratado Transatlántico para o Comercio e os Investimentos (TTIP). Ademais, esixiron que a Xunta de Galicia e as restantes administracións
«efectivicen o recoñecemento de FRUGA coma organización representativa do sector agrogandeiro e, por extensión, do medio rural», e procedan á súa convocatoria nas distintas mesas de negociación sectoriais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

José Tomé Roca, candidato do Partido Socialista á alcaldía de Monforte de Lemos

Seguinte Nova

Raquel López Rodríguez encabezará a lista do PSdeG-PSOE en Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: