Seráns Culturais en Monforte, Sarria, Pantón e A Pobra do Brollón

De esquerda a dereita, Xulio Xiz; Xosé Luís Rivas (Mini), integrante de A Quenlla; Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación; Alfonso Blanco, coordinador da Asociación Xermolos; e Baldomero Iglesias (Mero), de A Quenlla. GPVDL.
De esquerda a dereita, Xulio Xiz; Xosé Luís Rivas (Mini), integrante de A Quenlla; Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación; Alfonso Blanco, coordinador da Asociación Xermolos; e Baldomero Iglesias (Mero), de A Quenlla. GPVDL.

• Durante os meses de abril, maio e xuño desenvolveranse por toda a provincia de Lugo os Seráns Culturais, unha iniciativa coa que a Área de Cultura da Deputación busca crear unha programación estable ao longo de todo o an, apostando polas industrias culturais galegas con actividades abertas e gratuítas. Según explicou o delegado de Cultura do organismo provincial, Mario Outeiro, durante a presentación deste programa, os Seráns Culturais integran un total de 30 actividades, 20 das cales se desenvolverán no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos, e outras 10 noutros tantos puntos da provincia de Lugo. Na zona sur, as localidades que acollerán estas actividades serán Monforte de Lemos, Sarria, Pantón e A Pobra do Brollón.

ÉXITO DE PÚBLICO NOS EVENTOS DE FEBREIRO E MARZO

Según explicou Mario Outeiro, os actos deseñados para os vindeiros tres meses vén a dar continuidade á programación dos Seráns Culturais de febreiro e marzo, que se completou «con éxito, dada a afluencia continuada de público tanto nas actividades de infantil como de adultos». Os Seráns Culturais inclúen unha ampla programación que vai dende a maxia ata o teatro, pasando polo contacontos, concertos ou obradoiros.

SERÁNS CULTURAIS DE ABRIL EN MONFORTE E PANTÓN

A programación dos Seráns Culturais no sur de Lugo iniciarase o sábado 18 de abril en Monforte. Na Casa da Cultura e a partir das 20,00 horas, o dúo A Quenlla ofrecerá un concerto para presentar o libro-CD «Desorballando outonos», que recolle a homenaxe destes músicos e da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz á figura de Xosé María Díaz Castro, a quen se lle adicou o Día das Letras Galegas do ano pasado. Según precisou o delegado de Cultura da Deputación, «Desorballando outonos» é unha «confluencia de música e palabra na que poderemos gozar da enorme verba do poeta, pegada á xente, á natureza, á expresión viva, existencial e humana». A Quenlla tamén ofrecerá este concerto en Mondoñedo, o día 11 de abril, e en Lugo, o 8 de maio.

A programación dos Seráns Culturais continuará o sábado 25 de abril en Pantón. A partir das 19,30 horas, a Praza do Concello acollerá o espectáculo «Onde está o Mago Antón?», dirixido a todos os públicos.

SARRIA E BROLLÓN, OS ESPECTÁCULOS DE MAIO

O Mago Antón levará o seu espectáculo a Sarria, o venres 15 de maio, cunha sesión que terá lugar na Praza da Vila ás 20,00 horas.

O teatro será o protagonista dos Seráns Culturais na Casa da Cultura Olga Novo de A Pobra do Brollón. O sábado 16 de maio, a partir das 20,30 horas, a compañía Ibuprofeno Teatro porá en escena a obra «O Furancho», destinada a público adulto. Según explicaron os responsables da programación, o Furancho é unha nova aposta empresarial que cheira a éxito a pesar do contexto hostil no que vivimos, un espazo cheo de «agroglamour»no que se fusiona o trendie coa máis pura tradición, os zocos cos pololos e o loureiro coas novas tecnoloxías.

CONCERTO LÍRICO EN MONFORTE SOBRE AS PAISAXES DE MANUEL MARÍA EN XUÑO

A programación dos Seráns Culturais para estes meses culminará en Monforte o venres 26 de xuño. A partir das 20,30 horas, a Casa da Cultura monfortina será o escenario do concerto «O Eco do Poeta. Manuel María», que ofrecerá o grupo vocal Sólo Voces. Este será un concerto cargado de lirismo no que «O eco do poeta» viaxa dende a Terra Chá nas composicións de Eliseo García-Bouso, quen asumiu o desafío de recrear musicalmente as paisaxes que o poeta tanto amou.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Nova Escola Galega celebrará en Chantada o XXIX Encontro Galego-Portugués de Educadores/as pola Paz

Seguinte Nova

Amaro Carretero, candidato de Esquerda Unida-SON á alcaldía de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio

Don't Miss