«Existe unha saída, un camiño alternativo, e nós camiñaremos sempre hacia ese horizonte para recuperar a dignidade»
•Hai moitos anos que Esquerda Unida non presenta candidatura ás municipais en Monforte. Cales foron as claves que determinaron presentarse agora?
Durante 12 anos tivemos un alcalde que comezaba os seus mítines con frases dun referente cultural da esquerda como Silvio Rodríguez e que logo lle adicaba rúas a un exministro da ditadura coma Fraga ou que honraba a memoria de xente da aristocracia que foi a clase social que sempre viviu e vive a costa do súor e da sangue dos traballadores/as do noso país. Isto foi o detonante que fixo que a nosa organización reaccionase e comezase a analizar en profundidade a xestión do actual goberno. Así foi como nos demos de conta, a través do seguimento dos plenos e das decisións tomadas pola xunta do goberno do BNG, da traición continúada aos valores da esquerda. Nos últimos anos privatizáronse servizos básicos coma a oficina de recadación, a oficina de turismo, a xestión da praza de abastos, o punto limpo e o punto verde.
Ademáis de todo iso, non se resolveron as graves deficiencias no suministro e saneamento da auga, cunha deixadez total no exercicio da función pública de defender un servizo imprescindible. Ou novas adxudicacións coma o contrato do lixo en mans de FCC (empresa matriz de Aqualia) por 1.700.000 euros de custe e unha mellora do servizo máis que relativa.
O 24 de maio será a súa estrea como cabeza de lista nuns comicios. Como afronta este reto?
Con esperanza e co peso da responsabilidade de saber explicar, nun primeiro momento, e saber aplicar despois as nosas propostas, que sabemos que son atrevidas pero necesarias.
O máis reconfortante é toparte durante o camiño con persoas que reclaman unha opción nítidamente de esquerdas e que che recoñecen o esforzo, é o que lle dá sentido a loitar tódolos días por construir unha nova maneira de xestionar o público. Dicía Karl Marx que «a peor loita é a que non se fai», e por iso estamos aquí.
A súa candidatura integra a un amplo grupo de xente moza. Está a política e o debate social entre os intereses da mocidade de Monforte?
O problema non é a política, senón o uso que se está a facer dela, con gobernos títeres nas mans das grandes empresas que incluso son capaces de chegar a modificar artigos básicos da nosa Constitución, como o 135, para priorizar os intereses do mercado por riba dos dereitos da maioría social.
Ao contrario do que moitas veces se di, a maioría da xente moza coñece as trampas e os enganos deste sistema. O problema é cando decides implicarte e participar para construír unha sociedade máis xusta… Cando ves que os dereitos conquistados retroceden, cando a lei electoral está deseñada para manter aos servos dos mercados (ao bipartidismo), cando as Deputacións son institucións que raian o caciquismo, entón daste conta de que non hai que cambiar unhas cantas cousas, senón que hai que cambialo todo. Isto require de estudo, paciencia e compromiso. E pensamos que os primeiros anos do 15-M foron anos útiles para lograr a implicación de xente nova, e de xente que xa perdera a súa esperanza. A loita da PAH, das mareas verdes, brancas, granates, dos preferentistas, do movemento okupa están a facer unha laboura fundamental que por si só ningún partido ou organización podería facer, incluída Esquerda Unida.
Dende a agrupación local de Esquerda Unida xa levan tempo participando no debate público, aínda que dende fóra do Concello. Cal é a súa análise da situación actual de Monforte?
Como xa dixemos, o goberno dos últimos anos non aplicou as políticas sociais nin de dinamización económica necesarias para a recuperación. Somos moi críticos porque unha forza que se di de esquerdas ten a responsabilidade de ser coherente. E, por desgraza, este goberno local só se preocupou por manter o seu nicho de votos, algúns vidos da dereita, converténdose nun mero xestor da crise-estafa. E dicimos estafa porque cando as arcas públicas rescatan ás empresas privadas para garantir os seus beneficios en detrimento dos salarios e dos dereitos que tanto custaron aos nosos pais e avós, a iso só lle podemos chamar roubo, timo ou estafa. O máis sangrante é que todos os partidos que actualmente están na corporación seguen a manter o seu apoio incondicional ao proxecto do Porto Seco, nun contexto como o galego onde existen 15 proxectos deste tipo.
Unha vez configurado o panorama electoral que concurre ás eleccións, denos a súa opinión sobre o que se nos ofrece aos votantes o 24 de maio en Monforte.
Por un lado temos a dous partidos como o PP e o PSOE que aínda que non veñen do mesmo lugar, comparten o proxecto neoliberal de Merkel, aínda que despois fagan un teatrillo nalgunhas materias como o aborto para aparentar grandes diferencias de proxectos. A realidade é moi tozuda, foi baixo un goberno «socialista» que se reformou a Constitución para priorizar o rescate da banca privada e poñer nun plano residual os problemas da xente común.
Por outra banda, temos a un BNG que se foi alexando paulatinamente dos proxectos que afirma defender e á hora da verdade non ten o valor de enfrontarse a administración e as grandes empresas, como aconteceu co caso de Aqualia. Calquer persoa que escoite as comparecencias da Comisión da Auga chegará á conclusión de que algo escuro ten que haber para que se perdera a oferta, composta por dúas caixas de documentación bastante voluminosas, durante dez anos.
Por último, temos a Esperta Monforte, onde hai persoas que chegan a política por primeira vez, algo que saudamos, pero onde tamén ten moito peso un grupo de desencantados e exmilitantes do BNG que non acaban de comprender que a solución ten que vir por un cambio de raíz, un cambio radical, e que as políticas de cambio propostas deben ter o seu reflexo nas institucións supramunicipais. Estivemos varias semanas traballando con eles, pero cando rexeitaron a posibilidade de ir en coalición vímonos obrigados a conformar a nosa propia candidatura. De todos os xeitos, esperamos que co tempo e a experiencia poidamos establecer pontes con estas e outras organizacións, que de seguro irán aparecendo, que sirvan para crear un frente hexemónico capaz de avanzar cambios de mínimos sen deixar de mirar ao horizonte da xustiza social e a solidaridade entre os traballadores/as.
Pola contra, Esquerda Unida-SON propón un cambio de raíz. Queremos recuperar a participación política a través das asembleas de barrio e dos orzamentos participativos. Queremos dar apoio e asesoramento ás novas iniciativas culturais, agrícolas e industriais dos monfortinos/as. Defendemos a creación de emprego público garantizando traballo nos servizos sociais e integrar ás persoas con dificultades para erradicar ese termo eufemístico como é o da exclusión social, que nos chamamos pobreza.
Existe unha saída, un camiño alternativo, e nós camiñaremos sempre hacia ese horizonte para recuperar a dignidade.•