•Do 29 de abril ao 1 de maio dispútase en Augas Santas esta importante cita co golf feminino profesional de Europa •O torneo suporá «unha excelente oportunidade para descubrir a Ribeira Sacra»
• Do 29 de abril ao 1 de maio estase a celebrar nas instalacións de OCA Augas Santas Balneario Golf&Resort, o Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade International Ladies Open, que conta coa presencia das mellores promesas do golf feminino profesional europeo. Este é o terceiro ano consecutivo que Pantón acolle esta importante cita deportiva, o único torneo feminino profesional profesional que se disputará esta temporada en España dentro do LET Access Series, un circuíto satélite creado como ponte cara o Ladies European Tour. Según explicaron dende a organización, esta proba está destinada a un bo número de golfistas de gran nivel, tanto españolas como europeas, que precisan de competicións onde adquirir a experiencia necesaria para acceder ao Ladies European Tour.
ESCAPARATE INTERNACIONAL PARA A RIBEIRA SACRA
Ademais do seu valor deportivo, esta proba supón unha aposta de Galicia pola alta competición e polo golf feminino, a través da marca Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade. Según explicaron os responsables do evento, este torneo de repercusión internacional funciona como un «perfecto escaparate do que pode ofrecer a Ribeira Sacra en particular e Galicia en xeral». Ademais, a consolidación deste torneo en Galicia e a súa repercusión nos mercados nacionais e internacionais fan desta proba «unha excelente oportunidade para impulsar o golf e o turismo nesta zona de España e, sobre todo, para descubrir a Ribeira Sacra en todo o seu esplendor».
Este torneo está patrocinado polo Consorcio Turístico Ribeira Sacra, e polo grupo OCA Hotels e Augas Santas Resort, que acolle a proba nas súas instalacións.
Na presentación do torneo, o director técnico deportivo da Real Federación Española de Golf, Ignacio Gervás, destacou «a importancia dun circuíto como o LET Access Series no desenvolvemento das xoves golfistas que acceden ao profesionalismo, xa que este entorno é clave no noso obxecivo de facilitarlles oportunidades». Pola súa banda, o director xeral de OCA Hotels, Ramón Braña, salientou «o orgullo que supón para a nosa cadea hoteleira albergar unha competición destas características, única en España, e que será un evento de gran repercusión para a provincia de Lugo». O mánager comercial do Ladies European Tour, Ignacio Evangelio, agradeceu a colaboración dos patrocinadores na organización deste torneo, «que tanto contribúe ao crecemento do LET Access Series dende o seu nacemento hai cinco anos».•