A capital provincial acollerá o 8 e 9 de maio o congreso dixital e de redes sociais #InLugo15

Esta iniciativa, impulsada dende a Deputación, acada este ano a súa terceira edición como foro de referencia en cultura dixital

A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e o director de Fondos Europeos do organismo provincial, Pablo Rivera, durante a presentación do congreso #InLugo15. GPDL.

• O Pazo de San Marcos de Lugo será a sede do congreso #InLugo15, un foro de referencia en cultura dixital e redes sociais que a Deputación de Lugo organizará os días 8 e 9 de maio. Este evento, un dos máis destacados en Galicia e a nivel nacional, acada este ano a súa terceira edición.

ACHEGAR O USO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS A TODA A POBOACIÓN

Según explicaron a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, e o director de Fondos Europeos do organismo provincial, Pablo Rivera, este foro ten como obxectivo fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación, e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual. Méndez destacou que «a Deputación leva oito anos apostando polas TIC como elemento motor de desenvolvemento, e un encontro tecnolóxico das características deste é, ademais, un escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia e de Galicia». Según explicaron os responsables deste congreso, a repercusión do evento está a ser moi importante. O #InLugo vén conseguindo en cada edición ser «trending topic» en Twitter, o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense.

CONTIDOS DO CONGRESO #INLUGO15

Como nas edicións anteriores, o #InLugo15 integra unha ampla programación que inclúe relatorios, debates e ponencias, nas que participan destacadas figuras do eido das novas tecnoloxías e redes sociais. O congreso #InLugo será o escenario no que os expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días, dende puntos de vista como a seguridade dixital, o dereito na rede, o márketing online ou o éxito dos novos medios xurdidos ao seu abeiro.

NOVAS TECNOLOXÍAS E MEDIOS DE COMUNICACIÓN, ENTRE OUTROS TEMAS

Entre os expertos que participarán no #InLugo15 están Ignacio Escolar, exdirector do diario Público e na actualidade director dun xornal dixital referente en España, @eldiarioes, que será o encargado de abrir o evento. Na súa conferencia, Escolar compartirá a súa experiencia liderando un dos proxectos dixitais máis exitosos do noso país e reflexionará sobre os desafíos que afrontan os medios nun panorama de comunicación completamente novo.

O #InLugo tamén contará coa participación de David Varona (@davarona), redactor xefe de proxecto, participación e social media en RTVE; David Lombao (@davidlombao), director do xornal dixital Praza Pública; Andrés Milleiro (@juanmilleiro), director de Social Media de NH Group; ou Víctor Tasende (@victortasende), deportista, blogueiro e protagonista dunha asombrosa historia de superación. O cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de 30 nomes.

EMPRENDEMENTO NA REDE

Este ano tamén ocupará un espazo significativo no congreso #InLugo15 a presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede que se están a levar a cabo na nosa provincia e que triunfan grazas aos medios sociais. Así, Idoia Cuesta, artesá vasca establecida na provincia que vén de recibir o Premio Nacional de Artesanía, dará conta da súa experiencia emprendedora, entre outros invitados.

PREMIOS INLUGO A PROXECTOS LUCENSES NO ÁMBITO DIXITAL

Ao remate do congreso, terá lugar a tradicional entrega dos Premios InLugo. Estes galardóns, que teñen como obxectivo recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, premiará proxectos nas categorías de Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía.

Os interesados en participar nestes premios deberán presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 5 de maio ás 20,00 horas, a través da páxina web inlugo.com. Rematado o prazo, un xurado técnico valorará as candidaturas recibidas e elixirá o gañador de cada categoría. A cerimonia de entrega dos galardóns celebrarase ás 19,30 horas do 9 de maio.

INSCRICIÓN GRATUÍTA NO CONGRESO

O congreso #InLugo15 ofrece 200 prazas, que poden conseguirse de xeito gratuíto nas webs www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal, ata completar aforo. O desenvolvemento das xornadas poderá seguirse nas redes sociais co hashtag #inlugo15, e en directo, vía streaming, en www.deputacionlugo.gal. Todas as novidades están dispoñibles en www.inlugo.com, www.deputacionlugo.org, @in_lugo e en https://www.facebook.com/CongresoInLugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Mini e Mero actúan o 2 de maio en Sober

Seguinte Nova

Augas Santas celebrou o torneo previo ao LET Access Series 2015

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss