•Durante este trimestre, o programa Ler Conta Moito traerá unha actividade mensual á Biblioteca de Bóveda
• A Biblioteca Municipal de Bóveda celebrou o Día do Libro con actos durante toda a xornada do 23 de abril. Pola mañá, o alumnado do CEIP de Bóveda asistiu no Centro Sociocultural ao contacontos «Comechíns», integrado no programa Ler Conta Moito, da Consellería de Cultura. Pola tarde, os cativos participaron nun obradoiro de encadernación, para achegarse á técnica de composición do libro. A actividade cultural continuará neste trimestre no Centro Sociocultural, cunha actividade mensual do programa Ler Conta Moito. O venres 15 de maio ás 11 terá lugar o contacontos «Contos do mundo: América Central», a cargo de María Paz Gutiérrez, e o sábado 20 de xuño ás 19 horas desenvolverase o espectáculo de música, teatro e danza «Brinca vai! De aquí a acolá», a cargo de Paco Nogueiras.•