O Hospital de Monforte crea comités de tumores para abordar de xeito multidisciplinar as patoloxías oncolóxicas

A partir de maio, funcionarán os comités de tumores urolóxicos e dixestivos Esta actividade estará vinculada ao Hospital de Día de Oncohematoloxía, posto en marcha hai máis dun ano en Monforte

Os comités de tumores comezarán a funcionar no Hospital de Monforte no mes de maio. Arquivo EC.
Os comités de tumores comezarán a funcionar no Hospital de Monforte no mes de maio. Arquivo EC.

• A partir do mes de maio, o Hospital Comarcal de Monforte contará con comités de tumores, que permitirán abordar de maneira multidisciplinar o tratamento das patoloxías oncolóxicas máis frecuentes. Dende o vindeiro mes, en primeiro lugar iniciarase este traballo no Hospital de Monforte cos tumores de carácter urolóxico e dixestivo.

NO HOSPITAL DE DÍA DE ONCOHEMATOLOXÍA DE MONFORTE

Según explicaron os responsables do Sergas, a creación destes comités integrarase na actividade do Hospital de Día de Oncohematoloxía. Este servizo foi posto en marcha hai máis dun ano no Hospital Comarcal de Monforte para tratar todos os problemas oncolóxicos dos pacientes da área sanitaria sur, evitándolles os desprazamentos a Lugo e á provincia de A Coruña que estes enfermos realizaban periodicamente para recibir tratamento de quimioterapia. Os responsables do Sergas destacaron que este servizo conseguiu tratar ao paciente cerca do seu domicilio con igual calidade asistencial, eficiencia e efectividade.

OBXECTIVO DOS COMITÉS DE TUMORES

Dende o Sergas explicaron que os comités de tumores xurdiron para abordar a patoloxía oncolóxica entre todos os especialistas implicados, para garantir así o seguemento de todo o proceso asistencial e a elección consensuada da mellor opción terapéutica posible en cada paciente.

CÓMO FUNCIONAN OS COMITÉS DE TUMORES

Según precisaron os responsables da Consellería de Sanidade, os comités de tumores están formados por un equipo de profesionais de diversas especialidades médicas, e que varían en función do tipo de tumor e das áreas clínicas que este implique. Así, nestes comités hai oncólogos, cirurxiáns, xinecólogos, urólogos, otorrinolaringólogos, traumatólogos e internistas, entre outros especialistas. Estes profesionais reuniranse de xeito periódico para estudar, analizar e avaliar caso por caso o tratamento e seguemento que precisa cada paciente, co fin de ofrecerlle a mellor opción terapéutica baseada na evidencia científica e nunha asistencia sanitaria de calidade e individualizada.

Dende o Sergas explicaron que praticamente todos os tumores requiren a participación de varios profesionais no seu tratamento, o que obriga a identificar a responsabilidade de cada médico e enfermeiro en relación co paciente durante todo o proceso asistencial, e para elaborar entre todos a mellor opción de tratamento. Deste xeito, os comités de tumores promoven a comunicación interprofesional e facilitan o debate coordinado entre todos os especialistas implicados. Os profesionais presentan os casos, que son discutidos e comentados en profundidade e de xeito conxunto, para logo consensuar as mellores opcións terapéuticas e tomar as decisións oportunas. Ademais, no comité de tumores os profesionais avalían de forma compartida os resultados clínicos do proceso, xa que deben ser rexistrados e analizados.

Según o Sergas, a creación destes comités supón un «factor favorecedor da mellora da calidade asistencial e unha garantía de eficacia na elección do mellor proceso diagnóstico e terapéutico».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Iníciase en maio a segunda fase do programa de venda de solo industrial en Monforte

Seguinte Nova

SD Chantada y Sarriana se alejan de los puestos de peligro, mientras el Atlético Escairón parece abocado al descenso

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: