•A asemblea promotora da candidatura de unidade popular en Sober, reunida o pasado día 17, acordou por unanimidade o nome Agroma Sober •Ademais, aprobaron as 21 liñas prioritarias de acción «para recuperar un Sober onde poder vivir e traballar dignamente»
• A asemblea promotora da candidatura de unidade popular en Sober, reunida o pasado 17 de abril, acordou por unanimidade escoller o nome de Agroma Sober para concurrir ás eleccións municipais de maio. Tamén por unanimidade foi elixida Paula Vázquez Verao como candidata á alcaldía deste municipio.
En canto ao programa electoral que ofrece esta nova formación política, a asemblea aprobou por unanimidade un total de 21 liñas prioritarias de actuación «para recuperar un Sober onde poder vivir e traballar dignamente». Según explicaron os responsables de Agroma Sober, este traballo baseouse nas 140 medidas programáticas elaboradas nas anteriores sesións asemblearias.
LIÑAS PRIORITARIAS
O avance da proposta política de Agroma Sober céntrase nun total de 21 liñas de actuación que este partido considera «prioritarias para a recuperación deste municipio». A primeira medida solicita un Plan de Desenvolvemento Rural e creación de emprego a través da promoción de actividades produtivas nos montes en man común e de formas de economía cooperativa e de autoemprego, con especial atención á xente moza. En segundo lugar, Agroma Sober plantea un enfoque máis profesional e orientación a mercados da Feira do Viño e posta en funcionamento do viñedo experimental dos Chancís. A terceira medida do programa desta formación inclúe un plan de saneamento de augas residuais nas parroquias, e complétase cun plan de arranxo de pistas e camiños rurais nas parroquias, coa recuperación de antigos camiños.
Xa no eido social, Agroma Sober prioriza o benestar social a través da Educación Social, con actividades grupais que adiquen especial atención ás persoas coidadoras, redes de solidariedade, compromisos contra a pobreza, e un Centro de Día público en Sober.
Por outra banda, esta formación promove a declaración do Pazo de Sober como Ben de Interese Cultural para garantir un réxime de visitas gratuitas, un funcionamento como espazo cultural, e o maior grao de protección do patrimonio. Nesta liña, defenden a recuperación de elementos estragados ou en perigo do noso patrimonio e unidades didácticas para dar a coñecer a nosa historia e patrimonio.
TURISMO E XESTIÓN
En canto ao turismo, Agroma Sober aposta polo aproveitamento efectivo das posibilidades turísticas específicas de Sober, que inclúen petróglifos, amplas posibilidades de sendeirismo de ribeira, pintura mural nas igrexas, olería, cultura ribeirá, con aproveitamento do chamado «museo etnográfico de Sober» para amosar a cultura do viño.
Xa no eido da xestión, este partido propón a elección democrática de pedáneos/as das parroquias e a potenciación de plenos participativos como centro da vida municipal.
Na xestión de residuos, Agroma Sober ofrece dispoñer de contenedor de plásticos agrícolas e concienciación sobre o deterioro do ambiente, coa eliminación de vertedoiros incontrolados. Ademais, avoga pola colaboración comarcal para un modelo de xestión do lixo alternativo a Sogama.
Outras medidas inclúidas no programa de Agroma Sober propoñen a creación dun Centro de Información á Muller, Plan de Igualdade e campañas de concienciación; o fomento do alugueiro barato de casas baleiras e fincas de labor cun banco municipal de alugueiro; un banco municipal de sementes; excursións culturais pola comarca de Lemos orientadas á terceira idade; prioridade orzamentaria no fomento da lectura e adquisición de libros; o acondicionamento de zona fluvial de baño en Canaval; un Plan de Normalización Lingüística e visibilización da lingua galega nas accións de difusión no turismo; a potenciación da Banda de Música como escola, e impulso das actuacións dos grupos de música locais nas festas da vila e parroquias; protocolo de actuación ante animais abandoados e perdidos; e prioridade na reclamación de arranxo das estradas do Concello, especialmente a de Sober-Doade, cun estudo e plan de mellora para evitar a alta sinistralidade.•