• Agroma Sober vén de dar a coñecer as medidas programáticas para levar a cabo nos tres primeiros meses de goberno. A candidata á alcaldía soberina por esta agrupación, Paula Vázquez Verao, presentou estas iniciativas nun acto celebrado a comezos deste mes en Canabal, lugar escollido “por ser un exemplo da decadencia de Sober, unhas terras ricas pero empobrecidas, en caída libre dende os anos 80”.
A candidata por Agroma Sober suliñou que o seu programa céntrase “na promoción de emprego digno en Sober e no reforzo dos servizos sociais”. “Está claro que o noso futuro non só se decide no Concello, pero dende esta institución poden facerse máis cousas para ter emprego digno en Sober”, precisou.
MEDIDAS CONCRETAS
O programa de Agroma Sober consta de 140 medidas de acción, das que preto dunha vintena comprométense a levalas a cabo nos tres primeiros meses de goberno “se a xente de Sober nos dá a súa confianza”. Entre as medidas, destatan o inicio dun Plan de Desenvolvemento Rural con protagonismo do sector forestal para a creación de emprego; posta en marcha do viñedo experimental dos Chancís; programa grupal para persoas coidadoras; brigada de desbroce de camiños e cunetas; redución á metade das dietas de asistencia a reunións, e uso dos cartos das retribucións en proxectos produtivos; definición das necesidades concretas de persoal e das funcións de cada posto de traballo; revisión das taxas e impostos municipais acorde á situación económica, rebaixando o IBI; promover a declaración do Pazo de Sober como Ben de Interese Cultural; colaboración do Concello cos traballadores aos que se lle deben mensualidades por parte de empresas de Sober e colaboración total na investigación sobre o fracaso do Pazo de Sober; sinalización dos petróglifos de Sober e guía de visita dos mesmos; elección democrática de pedáneos/as das parroquias; inicio da creación do banco municipal de alugueiro de vivendas e fomento de alugueiros baratos de casas baleiras; celebración dun campamento de cursos musicais de acordo coa Banda de Música e grupos de música relacionados co municipio; e aumento do gasto social nos primeiros orzamentos que se elaboren.
Dende Agroma Sober lembraron que esta candidatura “combina a reivindicación do nacionalismo en Sober, dun xeito democrático e participativo de facer as cousas, pero con caras novas de xente que xamais participara nunha lista electoral”.•