Antonio Veiga considera que a presencia do BNG no goberno provincial “aportou coherencia, estabilidade e traballo a favor da xente”

•Manuel Martínez considera que “a provincia acadou cos socialistas na Deputación o nivel máis alto de servizos públicos e a débeda cero”

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o voceiro socialista no organismo provincial, Manuel Martínez, durante a rolda de prensa na que ofreceron un balance da xestión do equipo de goberno desta entidade.  GPDL.
O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o voceiro socialista no organismo provincial, Manuel Martínez, durante a rolda de prensa na que ofreceron un balance da xestión do equipo de goberno desta entidade. GPDL.

 

• Socialistas e nacionalistas presentaron o balance da súa xestión á fronte da Deputación de Lugo.

“OUTRO XEITO DE GOBERNAR, A FAVOR DA XENTE”
Logo dunha das últimas Xuntas de Goberno antes das eleccións municipais do 24 de maio, o nacionalista Antonio Veiga, vicepresidente do organismo provincial, considerou que “rematado este mandato é o momento de facer contas diante da cidadanía do traballo feito”. Según Veiga, “a presencia do BNG na Deputación desde o 2007 serviu para democratizar a institución despois dunha época escura de décadas nas mans do Partido Popular”. O nacionalista precisou que “da man do BNG, a Deputación abriuse a todos os cidadáns, todas as asociacións e todos os concellos da provincia, instaurando outro xeito de gobernar, a favor da xente”. Antonio Veiga tamén destacou o feito de que “a Deputación atendese a cuestións como os recortes sanitarios nos hospitais comarcais e centros de saúde lucenses, e se levaran a Pleno problemas como os desfiuzamentos, as demandas dos emigrantes retornados ou dos afectados polas preferentes, e os despidos en empresas como Cosmos, en Sarria”.

“O BNG FOI O GARANTE DENDE A DEPUTACIÓN DOS PEQUENOS CONCELLOS E DA XENTE DO RURAL”
O vicepresidente provincial lembrou que “o BNG foi o garante desde a Deputación dos pequenos concellos e das persoas que viven no rural, poñendo en marcha desde todas as nosas áreas de Goberno políticas encamiñadas á igualación de servizos, é dicir, a facer que as persoas que viven nos concellos do rural teñan os mesmos servizos que os das vilas e cidades.
Noutros aspectos da xestión, Veiga destacou que a de Lugo é a Deputación de España que máis inviste en deporte por habitante e ano, “sendo o sostén de todos os clubs e equipos da provincia con liñas de axudas anuais a clubs e deportistas individuais”. Por outra banda, lembrou que o organismo provincial recuperou “como patrimonio de todos os lucenses” o Pazo de Tor, o Hotel Miño, a gardería do Campus ou o legado cultural de Álvaro Gil, ademais de dar pulo ao teatro con programas como o proxecto Buxiganga.

“UN GOBERNO PARA TODOS”
Pola súa banda, o voceiro socialista no organismo provincial, Manuel Martínez, destacou que “cos socialistas a Deputación convertiuse nun referente en transparencia, participación cidadá, dereitos laborais, políticas de emprego, servizos sociais, novas tecnoloxías, cooperación cos concellos, eficiencia enerxética ou proxectos de impulso ao rural e ao sector primario”. Martínez explicou que estes logros débense “a un Goberno que saldou todas as débeda históricas que o Partido Popular mantiña cos lucenses, que fixo investimentos cun forte retorno económico e que goberna para todos, mantendo ao mesmo tempo as contas públicas saneadas”. “Fronte aos 122 millóns de euros que deixou o PP no 2007, o Goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro, deixa a débeda a cero”, precisou Martínez.

BALANCE POR ÁREAS DE ACTUACIÓN
No seu balance, o voceiro socialista destacou que a Deputación de Lugo ten débeda cero, e mantense á cabeza en investimento por habitante e en nivel de execución orzamentaria, acadando un 80% no 2014. Ademais, lembrou que o organismo provincial pagou os 11 millóns de euros do canon hidroeléctrico a 16 Concellos “que o PP se negou a recoñecer durante anos”, e desbloqueou a posta en marcha dos parques de bombeiros, colaborando tamén no funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Por outra banda, a Deputación de Lugo foi a primeira administración pública de Galicia e a primeira Deputación de España en impoñer cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores. Asimesmo, Martínez precisou que o organismo provincial subiu un 90% os investimentos en servizos sociais, “pasando dos 515.000 euros ao ano que deixara o PP a 4,5 millóns”, e “está a construír sen respaldo da Xunta unha rede de residencias e centros de día públicos para a terceira idade, e mantén os servizos de axuda no fogar e teleasistencia, despois de que Feijóo e Rajoy eliminaran as axudas aos concellos”.
O voceiro socialista destacou que “mentres o PP se nega a dotar dos servizos sanitarios pendentes ao hospital, comprometidos xa hai catro anos por Feijóo, a Deputación loita pola implantación destas prestacións, e mesmo se ofreceu a financiar a posta en marcha de Hemodinámica as 24 horas”.
No balance da xestión dos socialistas na Deputación, Matínez suliñou que “este Goberno creou a sede da UNED, coa que Lugo non contaba, e mantén as campañas para favorecer as matriculacións no Campus Universitario, mentres a Xunta recorta tanto os fondos, que mesmo o vicerreitor asegura que nin chegan para pagar as nóminas, un caso único na Universidade pública galega”.

VALORACIÓN DA XESTIÓN INTERNA E DO APOIO AOS CONCELLOS
Na xestión interna, Martínez suliñou a creación da área de Cooperación cos Concellos, “que co PP non existía”, ademais de implantar a administración electrónica nos Concellos, e de axudarlles a reducir na factura da luz cun plan de aforro enerxético. “Todos os municipios pódense beneficiar dos plans da Deputación, cousa que non ocorre na Xunta, xa que Lugo só recibe do Goberno galego o que estritamente lle corresponde por lei”.
Por último, Martínez sinalou que “cos socialistas, a de Lugo foi a primeira Deputación de España en elaborar Orzamentos Participativos”, e destacou que “de ser declarada polo Valedor do Pobo “hostil e entorpecedora” cando gobernaba o PP pasou a ser a sexta máis transparente de toda España”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación aproba a concesión de Augas Mestas para a súa apertura este mesmo mes

Seguinte Nova

O Club Neka prosigue o seu traballo para o Campionato de España cun curso de tecnificación en Begonte

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: