As candidaturas enfilan a recta final para as eleccións municipais do 24 de maio

PP e PSOE presentan candidaturas en todo o sur de Lugo, e o BNG en 14 dos 19 concellos do sur

PP, PSOE e BNG serán as alternativas de voto en oito concellos do sur lucense

•O abano electoral inclúe formacións locais como Agroma Sober, Espertamonforte! ou C@urel Vivo, ademais de INTA ou Independentes de Galicia

•Compromiso por Galicia-Concellos Transparentes preséntase en Láncara, Samos, Sarria e O Páramo •Ciudadanos de Centro Democrático estará nas municipais de Láncara

•En xeral, a campaña está transcurrindo a pé de rúa, con encontros dos candidatos coa veciñanza ou con profesionais

Visita do secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a unha carpintería de O Saviñao, acompañando ao candidato socialista á alcaldía do municipio, Celestino Rodríguez.(Foto cedida).
Visita do secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a unha carpintería de O Saviñao, acompañando ao candidato socialista á alcaldía do municipio, Celestino Rodríguez.(Foto cedida).

 

• O pasado 8 de maio arrincou a campaña electoral para os comicios dos que sairán os Gobernos que rexerán os concellos durante os vindeiros catro anos.

OITO CONCELLOS NOS QUE SE PRESENTAN TRES PARTIDOS
Dos 19 municipios que integran as comarcas de Chantada, Sarria, Quiroga e Terra de Lemos, oito ofrecen un panorama electoral centrado no PP, Psoe e BNG, únicas forzas que se presentan en A Pobra do Brollón, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Carballedo, Taboada, O Incio e Paradela. Tamén son tres os partidos que copan o espectro político de cara ás municipais en Folgoso do Courel e Sober, aínda que nestes casos o PP e o Psoe terán que competir con dúas formacións novas, C@urel Vivo en Folgoso, e Agroma Sober no municipio soberino.

TRES CONCELLOS QUE ESCOLLERÁN SÓ ENTRE PP E PSOE
Tamén hai municipios nos que só se presentan dúas candidaturas. Bóveda, Ribas de Sil e Triacastela poderán escoller unicamente entre a candidatura do Partido Popular e a do Partido Socialista.

SEIS MUNICIPIOS PRESENTAN UNHA OFERTA ELECTORAL DE MÁIS DE TRES PARTIDOS
Como era de esperar, nas cabeceiras de comarca de Sarria, Monforte e Chantada, o abano de opcións políticas está máis aberto. Os monfortinos poderán elixir entre PP, Psoe e BNG, ademais de contar coa nova formación de Espertamonforte!, e a recuperación da candidatura de Esquerda Unida, en coalición con SON. En Chantada preséntanse tamén cinco listas, nas que xunto ao PP, Psoe, BNG e INTA, aparece a recén creada Por Chantada, constituída por independentes. Tamén son cinco as formacións políticas que compiten en Sarria nas municipais do día 24: PP, Psoe, BNG, Independentes de Galicia (IG), e Compromiso por Galicia-Concellos Transparentes (CxG-CCTT).
Esta última formación presenta candidatura tamén en O Páramo, xunto ás do PP, Psoe e BNG. Idéntica configuración atópase no municipio de Samos, e en Láncara, ademais de PP, Psoe e BNG, compiten nas municipais os partidos Compromiso por Galicia-Concellos Transparentes (CxG-CCTT), e Ciudadanos de Centro Democrático (CCD).•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Correlingua 2015 uniu aos escolares lucenses en defensa do galego

Seguinte Nova

Medela aposta pola mocidade para liderar o proxecto do Partido Popular en Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: