•Comprométese a ampliar o plan de emprego xuvenil, á construción dun grupo de vivendas de promoción pública concertada, e a pedir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para a Feira de Amandi
• O candidato do Partido Popular en Sober e actual rexedor, Luis Fernández Guitián, aspira a revalidar a alcaldía “para asentar poboación e crear emprego na vila”. Guitián propón “unha vez máis un programa serio, sen utopías, baseado en ideas claras, concretas e perfectamente realizables”. Según explicou o candidato, este programa está deseñado “por un equipo capaz de resolver os problemas que verdadeiramente preocupan aos veciños e veciñas, para o que contamos co apoio da Xunta e necesitamos o da Deputación, que nos tivo esquecidos os últimos anos”.
EMPREGO E BENESTAR
Fernández Guitián compromete no programa a ampliación do plan de emprego xuvenil iniciado hai 2 anos e a organización de cursos de formación para impulsar o autoemprego e o cooperativismo. O PP colaborará coas empresas e autónomos, publicará un boletín periódico con información sobre o emprego, e publicitará os cursos formativos.
En materia social, Guitián aposta por aumentar o servizo de axuda no fogar, potenciar as actividades nos locais sociais das parroquias, e crear un servizo de atención diurna en colaboración coa residencia Virxe do Carme. Tamén propón a creación dunha rede de parques biosaudables polo municipio.
INFRAESTRUTURAS
A candidatura que encabeza Guitián comprométese a seguir ampliando as redes de saneamento e auga, mellorar as estradas municipais, renovar os alumeados e proseguir co plan de sinalización. Entre as esixencias, Guitián pedirá á Deputación a mellora e mantemento da súa rede de estradas. Ademais, anunciou a sinatura dun convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción dun grupo de vivendas de promoción pública concertada, e a firma da segunda fase das axudas do ARI, o único en Galicia que beneficia a todo o Concello.
TURISMO, MEDIO AMBIENTE E CULTURA
O PP propón converter o cuartel de Sober en residencia vacacional, impulsar os recursos turísticos e apoiar as iniciativas privadas relacionadas co sector.
O PP seguirá eliminando vertedoiros incontrolados, potenciando a reciclaxe e recuperando antigas fontes. Ademais, solicitará á Confederación Hidrográfica a limpeza do cauce dos ríos e a mellora do entorno. En viticultura, impulsará o traballo de asociacións e adegueiros, melloraranse pistas e accesos, e se pedirá a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para a Feira do Viño de Amandi.
Ademais de potenciar a Banda de Música e ampliar as actividades deportivas e culturais, crearase unha aula de novas tecnoloxías para cursos de formación. Remataranse as obras no pavillón, potenciarase o deporte base, e axudarase aos clubs de fútbol locais.•