Mato presenta en Paradela unha candidatura «asentada e continuista froito da acreditada experiencia»

José Manuel Mato, candidato do PP en Paradela e actual alcalde, posa cos membros da súa candidatura. (Foto cedida).
José Manuel Mato, candidato do PP en Paradela e actual alcalde, posa cos membros da súa candidatura. (Foto cedida).

• O alcalde de Paradela e candidato do Partido Popular ás municipais, José Manuel Mato, anunciou oficialmente a comezos deste mes a candidatura coa que concorre aos comicios do 24 de maio.

CANDIDATURA INTEGRADA POR «PERSOAS REPRESENTATIVAS DE TODOS OS SECTORES DE PARADELA»
Mato, quen agradeceu ao seu equipo «o traballo e a xestión levada a cabo nestes anos», manifestou que presenta «unha lista asentada, continuista e que leva anos traballando polo municipio de Paradela e polos seus veciños». O actual alcalde e candidato dos populares en Paradela explicou que se incorpora algunha persoa xove á lista «para aportar esa frescura xunto a esa experiencia acreditada».
Mato salientou que os integrantes da lista son «persoas representativas de todos os sectores de Paradela, que cubren todas as zonas do municipio e que están refrendados polos veciños e polos representantes do partido».

CRÍTICAS Á DEPUTACIÓN
O candidato do PP en Paradela ve na súa candidatura «unha clara aposta polos servizos municipais», e aproveitou a presentación do seu programa para cargar «contra as políticas aplicadas pola Deputación de Lugo, a cal discrimina claramente ao Concello».
José Manuel Mato afirmou que implantará a sede electrónica «para acreditar unha maior transparencia», e apostará polas posta en marcha das novas tecnoloxías «para proporcionar unha completa información a través da rede». O actual alcalde e candidato do PP informou que, deste xeito, os veciños poderán consultar todo tipo de novas municipais tales coma subvencións, bandos, documentación sobre explotacións gandeiras, etc.
Mato deixou claro que continuará «na liña emprendida de seguir potenciando e acreditando a todos os veciños ao 100% en servizos sociais, a diferenza da Deputación de Lugo, a cal incumpre nesta materia».
No tocante a obras, Mato afirmou que continuará «mantendo as vías municipais en bo estado, a diferenza do organismo provincial, que as ten abandonadas e en pésimo estado».
Por último José Manuel Mato comprometeuse a «seguir traballando por e para as dezaoito parroquias de Paradela, mantendo sendas xuntanzas veciñais cos correspondentes pedáneos, co obxectivo de seguir mellorando no que xa existe».

LISTA DO PP EN PARADELA
A candidatura do Partido Popular ás municipais en Paradela está encabezada polo actual alcalde, José Manuel Mato Díaz, acompañado por María Montserrat Mulet Sar, Martín López López, Ana Belén López Álvarez, Benjamín López Mato, Manuel Regueiro López, Jesús Pablo López González, Senén López García, e Secundino Pérez López. Como suplentes, completan esta lista Gerardo Fernández Portero, Nuria López González, e Santiago López López.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

• A Consellería de Cultura destina 254.000 euros á rehabilitación da igrexa de San Salvador de Sarria

Seguinte Nova

Carmen Álvarez estréase como candidata do PSdeG-PSOE en Folgoso do Courel cunha candidatura renovada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: