O alcaldable socialista José Tomé garante unha colaboración “estable e continuada no tempo” co comercio monfortino

•O candidato socialista á alcaldía de Monforte reuniuse cos responsables do comercio local e cos empresarios para escoitar as súas demandas •Tomé establece como prioridade do seu equipo “a ampliación e a calidade dos servizos sociais”

O candidato socialista á alcaldía de Monforte, José Tomé, durante o mitin en Monforte, acompañado polo secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e membros da súa candidatura. (Foto cedida).
O candidato socialista á alcaldía de Monforte, José Tomé, durante o mitin en Monforte, acompañado polo secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e membros da súa candidatura. (Foto cedida).

 

 

• O candidato socialista á alcaldía de Monforte, José Tomé, mantivo diversos contactos cos sectores profesionais da cidade do Cabe para coñecer as súas demandas. Na reunión que mantivo coa directiva do Centro Comercial Urbano (CCU), Tomé trasladoulles o seu “apoio claro e decidido ao comercio de Monforte como motor da economía local, xa que este sector é o que máis emprego aporta ao tecido produtivo da nosa cidade”. O candidato socialista afirmou que, se conta co apoio cidadán para chegar á alcaldía, impulsará dende o Concello a actividade comercial, “poñendo en prática políticas que fomenten as compras nas tendas de Monforte”. Ademais, “para evitar situacións negativas que se teñen producido en anos anteriores”, o equipo de Tomé garante unha “colaboración estable e continuada no tempo, coa sinatura de convenios para o desenvolvemento de actividades comerciais que potencien o sector. Tomé comprometeuse a que “a cidade teña o alumeado que merece nas datas sinaladas como o Nadal ou as festas patronais en todos os barrios, e non só no centro”. Ademais, o alcaldable socialista comprometeuse a dinamizar a Mesa do Comercio.

PROMOCIÓN ECONÓMICA
Asimesmo, José Tomé mantivo unha reunión cos empresarios de Monforte, na que escoitou propostas e demandas deste colectivo. O alcaldable socialista deulles a coñecer as súas liñas programáticas en materia de emprego e promoción económica. Tomé propón “xestionar e impulsar en colaboración coa Xunta de Galicia a posta en funcionamento, dunha vez, do Porto Seco para que teña actividade industrial”, ao tempo que se potencia o Polígono Industrial de O Reboredo, dotando de instalacións e de servizos na parcela municipal. Unha das propostas máis importantes é a de recalificar a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “os terreos comprados, pagados e escriturados pola Deputación Provincial de Lugo, que preside José Ramón Gómez Besteiro, no Polígono para dedicalos a uso industrial, que de momento non foi posible recalificar por culpa dun informe en contra do Concello, asinado polo Alcalde, por non facilitar o saneamento legalmente requirido”. Tomé insistiu en que “se goberna o Partido Socialista será retirado ese informe e procederemos a súa recalificación para darlle un uso industrial, xa que os documentos asinados non minten”. Por outra banda, Tomé propón “recuperar o tecido industrial que foi perdendo Monforte, para xerar emprego produtivo para manter e aumentar a poboación de Monforte”. Por último, de chegar á alcaldía, o socialista establecerá “como prioridade das políticas que desenvolva o Concello o fomento da creación de emprego, para conseguir que os nosos mozos e mozas poidan levar a cabo o seu proxecto vital en Monforte”. Neste sentido, Tomé precisou que “o que queremos os socialistas é que as obras que se contratan polo Concello de Monforte con invitación de tres empresas, na medida do posible sexan tidas en conta as empresas de Monforte e non só as empresas de fóra, como vén ocorrendo con demasiada frecuencia”. O obxectivo é “axudar ás empresas de Monforte a manter e a crear emprego na nosa cidade, deixando riqueza no noso municipio”.

MÁIS E MELLORES SERVIZOS SOCIAIS
En materia de benestar, Tomé garantiu que potenciará os servizos de axuda a domicilio “para que ningunha persoa sen recursos quede sen atender”, e dará pulo ao centro cívico social do Malecón. Asimesmo, apoiará as sociedades nas que participan persoas maiores e os colectivos sociais de atención a persoas con discapacidade•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Agroma Sober deu a coñecer en Canabal as súas medidas para os 3 primeiros meses de goberno

Seguinte Nova

A candidatura Por Chantada “pretende ser a da participación democrática directa, co fin de asegurar un futuro próspero para esta vila”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: