•A candidatura de Julia Rodríguez potenciará as competicións deportivas na cidade e a agricultura ecolóxica, ademais de impulsar un plan de emprego que xere 500 postos de traballo en catro anos
• A candidata do Partido Popular á alcaldía de Monforte, Julia Rodríguez, está a dar a coñecer as súas propostas de goberno á veciñanza, nunha campaña a pé de rúa. As iniciativas de Rodríguez abranguen diversas áreas de actuación.
PLAN DE EMPREGO
Por unha banda, Julia Rodríguez propón un plan de emprego que xere 500 postos de traballo en catro anos, con varios eixos. En primer lugar, o Concello favorecerá a oferta de cursos de formación ocupacional “nos tres sectores que consideramos estratéxicos para Monforte: o turismo, a agricultura e a industria”. Ademais, o equipo de Julia Rodríguez impulsará “actividades que desestacionalicen o turismo, para crear emprego en este sector”. Por outra banda, Julia Rodríguez dará pulo ás asociacións de comerciantes e empresarios locais, e confía no apoio do Goberno autonómico “para favorecer e apoiar ás empresas que se queiran implantar no Porto Seco”. Coa colaboración da Consellería de Medio Rural, iniciarán medidas para favorecer ás mulleres emprendedoras en agricultura ecolóxica, o relevo xeracional nas explotacións agropecuarias, e o aproveitamento da biomasa. Ademais, propoñen a colaboración con outros concellos para lograr a marca ecolóxica Ribeira Sacra.
Por outra banda, a alcaldable popular Julia Rodríguez adiantou que o seu goberno establecerá bonificacións e axudas aos comerciantes para que actualicen e rehabiliten os seus locais. A estratexia busca non só a mellora da competitividade comercial dos establecementos, senón tamén a súa eficiencia enerxética en aspectos como a iluminación ou a climatización. Estas aportacións poderán canalizarse como bonificacións sobre o IBI, ou tamén como axudas directas en concurrencia competitiva, cun importe de ata 2.000 euros.
COMERCIO E DEPORTE
Precisamente para impulsar o comercio local, Julia Rodríguez propón a búsqueda de novas prazas de aparcamento no centro da cidade. “Para conseguir unha dinamización do comercio de Monforte é necesario mellorar a comunicación rápida entre as tendas e os vehículos”. Esta medida realizaríase mediante acordos cos propietarios das áreas interiores das manzanas do centro, recuperando o entorno do regato das Malloadas, e coa firma dun convenio co Sergas para contar con máis prazas de aparcamento no entorno do Hospital.
Asimesmo, as propostas de Julia Rodríguez para a xestión municipal inclúen reduccións de ata o 90% nas taxas de uso dos campos de A Pinguela e Luis Bodegas ás entidades deportivas federadas. Logo de manter encontros cos responsables dos clubes deportivos da cidade, Julia Rodríguez acordou potenciar a celebración en Monforte de cursos de adestradores das diferentes disciplinas deportivas, así como impulsar a celebración de eventos deportivos que sirvan de reclamo aos visitantes.
Entre outras medidas de potenciación do turismo, Julia Rodríguez anunciou a creación dunha festa cada mes para atraer ao turismo de fin de semana, “e que os monfortinos non teñan que saír da cidade no seu tempo de lecer”. Julia Rodríguez adiantou a creación da I Festa Gastronómica Nocturna das Sopas de Allo, “xa que cremos que é un produto tradicional e típico que podemos potenciar, ademais de que hai que poñer en marcha actividades para favorecer o retorno da mocidade e dos que buscan ocio nocturno, a través de propostas propias e diversas”.•