Pilar López, candidata do BNG á alcaldía de Monforte: “Debemos potenciar o noso comercio local porque é un motor fundamental da economía monfortina”

• “Pediremos que a Feira Medieval sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego, porque nos axudará a promover aínda máis a cidade” • “Intentamos estar sempre ao carón dos que máis nos necesitan cando máis nos necesitan. E falo de nenos, mozos e maiores”

Pilar López, candidata do BNG á alcaldía de Monforte, conversa coa veciñanza nun acto da campaña electoral. (Foto cedida).
Pilar López, candidata do BNG á alcaldía de Monforte, conversa coa veciñanza nun acto da campaña electoral. (Foto cedida).

 

 

Estamos na recta final desta campaña, que balance fai destes 15 días de traballo?
O certo é que para nós non foron quince días. Levamos moitos anos traballando por Monforte e esta etapa é só unha máis no noso proxecto. Non deixei de ir ao Concello nin un só día. Sigo erguéndome ás 7,30 e sen saber a hora á que voltarei á casa. E fágoo con moita ilusión e coas mesmas ganas dende o primeiro día. Nese sentido son unha auténtica privilexiada. Traballo polo que me gusta: a miña cidade, onde me gusta: Monforte, e pola xente que aprecio: os meus veciños e veciñas.
Levamos uns meses repasando o feito cos veciños, lembrando os pasos dados, e tomando nota dos erros. Son 12 anos dunha enorme xestión, de avances importantes na modernización de Monforte, situándoa no mapa galego, a pesar do traballo en contra ou da falta de traballo dalgunhas persoas que, con responsabilidade no goberno galego, non moveron nin un só dedo por esta cidade.
Mantivemos reunións con sectores sociais e económicos e cos veciños e veciñas do rural. O 95% do noso territorio ten a exclusividade de ser rural, somos unha cidade única. Contamos cunha hostalería de primeira categoría e un viño de referencia, un comercio de calidade… Un luxo.
É certo que algúns candidatos e candidatas só se dedican a traballar por Monforte e en Monforte estes 15 días, pero alá eles. Pérdense o privilexio de gozar dunha cidade marabillosa como é esta.

Cales son os aspectos que vai a fortalecer se goberna a partir do día 24 de maio?
Continuaremos dándolle prioridade ás persoas, como fixemos sempre. Aos nenos, mozos e maiores. O Benestar Social é algo moi amplo e debe englobar a toda a cidadanía. Multiplicaremos por 5 a emerxencia social, asumiremos o cobro de auga e luz das familias sen recursos, seguiremos cos programas para maiores e a axuda a domicilio, e traballando moi preto das asociacións sociais de Monforte, grandes colaboradoras nosas. Estaremos coa xente que máis nos necesita cando máis nos necesitan.
Pero non debemos esquecer mirar tamén polos nosos nenos, favorecer a conciliación laboral e familiar con máis prazas na gardería, máis actividades, axudas para a compra de libros de texto e material escolar. Tampouco debemos esquecer aos mozos, que estuden, que se formen e que se poidan quedar a traballar aquí. Por iso imos colaborar con eles e continuar favorecendo a implantación de empresas no Porto Seco, daremos axudas de ata 2.000 euros para novos autónomos, bonificacións do 50% nas licenzas de actividade ou apertura, do 95% no ICIO. Abriremos unha Oficina de Axuda ao Emprendedor, para asesorar, axudar na busca de subvencións, na elaboración de proxectos…
Continuaremos colaborando e potenciando o comercio local, o turismo, grandes dinamizadores da nosa economía. Imos solicitar que a Feira Medieval sexa considerada Festa de Interese Turístico Galego porque iso repercutirá positivamente na promoción da cidade, e axudaranos a continuar o traballo de atracción do turismo durante todo o ano. Tamén completaremos o Paseo do Río Cabe por toda a cidade de Monforte. Queremos que sexa unha cidade atractiva para vivir, para visitar, para traballar e para investir.

Brevemente, balance dos 12 anos de goberno?
Avance e modernización de Monforte. Démoslle voz á cidade diante de todas as administracións e reivindicamos con orgullo o noso papel como cidade máis importante da provincia despois da capital.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O programa do PP de Monforte propón axudas ao comercio, pulo ao turismo e creación dunha festa mensual para atraer visitantes de fin de semana

Seguinte Nova

O ex xogador da NBA Terry Porter, de Camiño por Sarria

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: