•O organismo provincial investiu 12 millóns de euros nesta iniciativa, sen apoio doutras administracións •O sector gandeiro participará directamente na xestión do Centro

• A Deputación de Lugo vén de aprobar as bases que rexirán a xestión do Centro de Recría Gayoso Castro, de iniciativa pública e no que o organismo provincial asume como propio o servizo que se vai prestar. Cómpre lembrar que a Deputación investiu 12 millóns de euros en solitario, sen apoio doutras administracións.
PARTICIPACIÓN DIRECTA DO SECTOR GANDEIRO NESTA XESTIÓN
Este modelo de xestión do Centro de Recría, situado no municipio de Castro de Rei, contará coa participación directa do sector gandeiro, «posto que é o que máis sabe desta actividade e, polo tanto, o que mellor a coñece e o que maior rendibilidade lle pode sacar ás instalacións», explicou a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez. Neste sentido, as bases especifican que, á hora de valorar as ofertas, o organismo provincial considerará especialmente o feito de que os licitadores teñan como base a colaboración directa de entidades de economía social, como cooperativas ou sociedades agrarias de transformación (SATs). «Este tipo de entidades representan inmellorablemente o tecido produtivo do sector na nosa provincia», explicou Méndez.
Logo da publicación no Boletín Oficial da Provincia do prego de cláusulas, os interesados terán 15 días para presentar ofertas, que serán avaliadas por unha Mesa Técnica. Está previsto que o Centro de Recría entre en funcionamento despois do verán.
CONCESIÓN POR 15 ANOS PRORROGABLES ATA 25
O adxudicatario deberá explotar o servizo por un período mínimo de 15 anos, prorrogables por períodos de 5 anos ata un máximo de 25. Durante este tempo, o canon que deberá satisfacer á Deputación será por un importe mínimo de 50.000 euros anuais. Non obstante, o canon definitivo será o que presente o licitador.
Méndez precisou que, no caso de que fora necesario adaptar as instalacións á realidade da explotación do servizo, tanto para o inicio da actividade como para o funcionamento do servizo, o importe das obras será detraída do importe do canon, previa presentación de facturas.
CLÁUSULAS SOCIAIS
Méndez explicou que a principal obriga do adxudicatario será a de prestar o servizo «de acordo ás especificacións técnicas esixidas, que deberá detallar na oferta».
Ademais, deberá asegurar as condicións e dereitos laborais dos traballadores, «tal e como vén facendo esta Deputación en calquera dos servizos que pon en marcha». O adxudicatario do Centro de Recría deberá ter un mínimo dun 30% de traballadores con contrato indefinido, e contratar, como mínimo, un 10% de persoal emtre os colectivos que máis dificultades teñen para acceder ao mercado laboral, como maiores de 45 anos, menores de 25 ou parados de longa duración, entre outros.
A concesionaria deberá respectar a lexislación en materia de protección do emprego, condicións de traballo, prevención de riscos laborais, e protección do medio ambiente.
Os licitadores deberán presentar coa oferta unha proposta coas tarifas que terán que abonar os gandeiros que fagan uso das instalacións. O adxudicatario recibirá as contraprestacións económicas derivadas desta tarifa mensual, á que se deberá restar o importe do canon que se pague á Deputación. As tarifas deberán estar xustificadas, e aprobadas polo Pleno Provincial. Os prezos para os futuros usuarios do Centro poderán variar ao longo da concesión, malia que a súa modificación terá que estar baseada nunha relación motivada dos factores que inflúan, e xustificada polo adxudicatario.•