• Xa se poden enviar traballos para o IV Concurso de Carteis desta Feira
• O Concello de Bóveda vén de abrir o prazo para solicitar postos na XIII Feira Tradicional Outrora de Rubián-Bóveda, que se celebrará o 14 de xullo. Como cada ano, dende a organización lembraron que a ambientación deste evento é a dunha feira tradicional galega de finais do século XIX e principios do XX, e que non se aceptarán caracterizacións ou decoracións de época medieval. Haberá tres categorías de postos: artesáns, gastronómicos e comercio. Os interesados en desenvolver algún tipo de obradoiro ou demostración, deben comunicalo previamente xunto coa solicitude.
COMO FACER A SOLICITUDE
A documentación que deberán presentar incluirá a solicitude oficial debidamente cumplimentada; fotocopia do DNI do solicitante e da alta no IAE; copia do carné de manipulador de alimentos, carta de artesán ou similar; memoria explicativa da técnica de traballo empregada; e fotografía recente da parada e dos produtos que se van vender. A solicitude e os documentos presentaranse por correo electrónico na dirección cultura@concellodeboveda.com, por correo ordinario no enderezo do Concello de Bóveda, Avenida Alfonso XIII, 85, 27340 Bóveda, ou presencialmente no Rexistro do Concello.
PRAZOS E CONFIRMACIÓN DE ASISTENCIA
O prazo estará aberto ata o 26 de xuño. A organización resérvase o dereito de ampliar este prazo no caso de que o número de solicitudes sexa inferior ao número de postos que se poden instalar. Os admitidos serán contactados pola organización na semana seguinte ao remate do prazo de inscrición.
A montaxe dos postos realizarase o luns 13 de xullo a partir das 20,00 horas, ou o martes 14 de xullo de 8,00 a 9,30 horas da mañá. A partir dese momento, os postos deberán estar totalmente instalados e estará prohibida a circulación de vehículos polo recinto.
CARTEIS A CONCURSO
A participación é gratuíta para todos os postos seleccionados, que deberán confirmar a súa asistencia antes do 1 de xullo. Por outra banda, ata o 12 de xuño poderanse enviar traballos para competir no IV Concurso de Carteis XIII Feira Tradicional «Outrora» de Rubián-Bóveda. Os carteis versarán sobre o tema da Feira Outrora. O premio é de 150 euros, e o deseño gañador será o cartel da Feira.•