•Esta iniciativa da Deputación trata de fomentar o apoio ao teatro afeccionado, con actuacións por toda a provincia e con actividades de formación para actores e directores

• A mediados de maio, a Deputación de Lugo aprobou as bases da nova edición do proxecto teatral Buxiganga para este ano. Según explicou o vicepresidente do organismo provincial, Antonio Veiga, o proxecto Buxiganga está a ser «todo un éxito» dende que se puxo en marcha hai sete anos, «xa que animou a moita xente a facer teatro, e multiplicou por tres o número de compañías de teatro afeccionado na nosa provincia». Dos 12 grupos iniciais pasouse aos máis de 30 que houbo en 2014, «o que indica que Buxiganga funcionou sen dúbidas como motor para a creación de grupos de teatro».
MÁIS DE 7.000 ESPECTADORES DESTE PROGRAMA TEATRAL
Veiga tamén suliñou o éxito deste proxecto teatral a nivel de público. «Nas derradeiras edicións apreciouse que o número de espectadores ía aumentando, en total o ano pasado barállase un número aproximado de 7.000 espectadores nas 80 funcións do programa repartidas por todas as comarcas», precisou o vicepresidente provincial.
CARACTERÍSTICAS SIMILARES ÁS DO ANO PASADO
O responsable provincial especificou que as bases desta nova edición son similares ás do ano pasado. Así, establécense varios cachés de entre 300 e 850 euros por función dependendo do número de actores do grupo, e desta cantidade a Deputación subvencionará o 80%, e o 20% restante correrá a cargo dos concellos ou asociacións solicitantes, que poderán cobrar unha entrada simbólica dun máximo de 3 euros.
Tanto as compañías de teatro como os concellos e asociacións que queiran solicitar funcións terán ata finais deste mes para formalizar a súa inscrición. A partir dese momento, abrirase outro prazo para que concellos e asociacións acorden coas compañías un calendario de actuacións, que posteriormente deberá ser aprobado. Haberá dúas quendas, do 1 de xullo ao 15 de setembro, e do 16 de setembro ao 22 de novembro.
O vicepresidente da Deputación animou a concellos e asociacións a sumarse ao proxecto Buxiganga. «O único requisito é ter un espazo máis ou menos axeitado para a representación, e incluso de non ser así podemos buscar alternativas», precisou o titular provincial.•