• A Biblioteca de Sober continúa coa súa intensa programación, e nos vindeiros días ofrecerá dúas sesións de contacontos integradas no programa Ler Conta Moito.
A primeira cita será o venres 29 de maio ás 17,30 horas, a Biblioteca Municipal de Sober acolle o contacontos «Aventuras na cociña», a cargo da compañía Trinke Trinke Teatro.
Este espectáculo, integrado no programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura e Educación, está protagonizado polos Ratos da Biblioteca, que aprenderán aos rapaces a importancia dos hábitos saudables dende a alimentación, ao tempo que se familiarizan co uso da biblioteca e a prática da lectura. A entrada é gratuíta.
Xa o mércores 10 de xuño, terá lugar un espectáculo para adultos, mocidade e nenos a partir de 15 anos. Baixo o título de «Con dez poemas por barba», Aldaolado fará un recital aberto, dinámico e musical, onde o público gozará dun gran protagonismo, e onde os xogos e as historias darán paso á comunicación poética pura e verdadeira. Este espectáculo comezará ás 19,00 horas, tamén na Casa da Cultura de Sober.•