FRUGA pediu ao Goberno galego que dé solución á “agonía á que está conducindo ao sector lácteo”

A Federación Rural Galega (FRUGA) presentou un manifesto «en defensa do sector lácteo galego» nun acto público en Lugo

Imaxe do acto público organizado por FRUGA e o BNG en Lugo o 14 de maio, en defensa do sector lácteo galego. (Foto cedida).
Imaxe do acto público organizado por FRUGA e o BNG en Lugo o 14 de maio, en defensa do sector lácteo galego. (Foto cedida).

• Logo da desaparición das cotas lácteas, os produtores galegos están a sufrir as consecuencias da liberalización do mercado, situación que está poñendo en risco a viabilidade de moitas explotacións gandeiras en Galicia. Na nosa provincia, esta situación foi denunciada por diversos colectivos, entre eles a Federación Rural Galega (FRUGA), que vén de dar visibilidade a este malestar cun acto público, celebrado o pasado 14 de maio en Lugo.

A CONCENTRACIÓN CONTOU CO APOIO DO BNG DE LUGO

Esta concentración, convocada por este colectivo agrogandeiro e polo BNG, contou coa presencia do coordinador de sectores gandeiros de FRUGA, Elías Somoza, do deputado autonómico do BNG por Lugo, Cosme Pombo, e do voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro. Durante este acto, tivo lugar a lectura dun manifesto, por parte de FRUGA, en defensa do sector lácteo galego, no que insistiron en que «o Goberno galego debe pasar das verbas aos feitos, dando solución á agonía á que está conducindo ao sector lácteo».

UN SECTOR ESTRATÉXICO QUE PRECISA «MEDIDAS EXCEPCIONAIS»

Neste manifesto, os responsables de FRUGA demandaron a creación dunha plataforma en defensa do leite galego, «na que estean representados todos os ámbitos económicos e sociais implicados, dende os produtores ata a industria, contando tamén co conxunto do rural». Ademais, lembraron que «o sector lácteo é un sector estratéxico da economía galega e precisa medidas excepcionais, como se ten feito con outros sectores».

Os asinantes insistiron en que «este é un manifesto urxente, porque o sector atópase nunha situación límite», e suliñaron que esta actividade «é fundamental na economía de moitas comarcas lucenses».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación definiu o modelo de xestión pública do Centro de Recría

Seguinte Nova

Presentación de libro en Adegas Regina Viarum de Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: