Neka recibiu o premio ao mellor clube do ano 2014 na Gala do Deporte de Monforte

O clube monfortino, con case 20 anos de historia, proclamouse campión de España en 2014 José Mª Vega foi recoñecido como mellor adestrador do pasado ano

José Mª Vega, responsable do Neka, recibindo o premio ao mellor adestrador 2014 na Gala do Deporte de Monforte, o pasado 15 de maio. EC.
José Mª Vega, responsable do Neka, recibindo o premio ao mellor adestrador 2014 na Gala do Deporte de Monforte, o pasado 15 de maio. EC.

• O deporte local e de base recibía o pasado 15 de maio a homenaxe anual que o Concello de Monforte ofrece ás mellores traxectorias deportivas do ano anterior. Este recoñecemento supón para clubes e deportistas unha inxección de ánimo que os motiva para seguir traballando na creación dun tecido deportivo forte e con raigame. Nesta edición, o premio ao mellor club do ano 2014 correspondeu ao Neka, que leva case 20 anos promovendo a prática do taekwondo no sur lucense, e tamén dando a coñecer Monforte polo mundo adiante. «A verdade é que, despois de ter conseguido ser campións de España o ano pasado, agora xa nos van coñecendo nas competicións aos de Monforte», suliña José Mª Vega, alma mater deste clube, e que tamén recibiu o premio ao mellor adestrador do 2014.

Na entrega dos galardóns, Vega tivo un agradecemento especial ás familias dos rapaces e rapazas do Neka, pola súa «grandísima implicación e o esforzo que fan para levar aos fillos a competir, con desprazamentos e horarios moi complicados».

TRABALLO E IMPLICACIÓN

«Foi unha satisfacción grande que nos premiaran como clube», explica Vega, quen destaca o fito histórico de que o club Neka fora o pasado ano Campión de España. «É certo que este logro foi moi difícil, hai moitos clubes en España, pero tamén hai que lembrar que os éxitos non son cousa de un día», apunta o adestrador monfortino, que tamén pertence ao equipo técnico da selección galega de Taekwondo. «Hai moito traballo detrás», suliña Vega, que puxo a andar o Neka en 1996, e agora conta con 160 licencias federativas. «O taekwondo ten valores que nós poñemos en prática día a día, como son a constancia, o non darte por vencido, a disciplina, e todo iso fai que poidas chegar», explica Vega.

UN EXITOSO PALMARÉS

Ademais de ser campións de España de clubes, en Neka acumulan un palmarés considerable, con varios campionatos galegos en diversas categorías, e media ducia de medallas nacionais consecutivas nos últimos anos.

José Mª Vega ironiza con esta sucesión de éxitos. «A verdade, xa nos estamos afacendo a ter medallas, estamos mal acostumbrados, pero é que a traxectoria está a ser moi boa». O segredo é o esforzo constante, como proban os intensos adestramentos que estiveron a realizar nos últimos meses os trece deportistas que o 30 de maio disputarán en Castellón o Campionato de España. «O traballo está feito, entrenamos moitísimo, e os rapaces van mellor ca nunca, xa que teñen acumulado todo o traballo da temporada». Cinco deportistas do Neka irán á proba nacional coa selección galega: Alejandro Fernández e Carla Pardo en benxamín, e os junior Samuel López, Carlos Rey e Alex Camba, que competirán en individual e en trío. Representando ao club Neka, estarán no campionato nacional Laura Álvarez, Marco García e Nerea Fernández en benxamín, e Yasmin Rodríguez, Raúl Vázquez, José Roca, Cristian Castro e Carlos Fernández en infantil.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Éxito da IV Ximnastrada de Sober

Seguinte Nova

Aprobadas as bases do proxecto teatral Buxiganga 2015

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: