Resultados das eleccións municipais do 24 de maio no sur de Lugo

José Tomé gaña en Monforte, Manuel Varela afiánzase en Chantada, e os populares perden a maioría en Sarria

•O PP mantén 10 maiorías no sur lucense, e o BNG de Maceda consolida o seu goberno en A Pobra do Brollón gañando un edil respecto a 2011 •No Courel, Julio Álvarez revalida ampliamente a súa maioría, Lola Castro mantén a alcaldía, e Sotuela afianza aos socialistas no goberno de Ribas de Sil cun concelleiro máis que no mandato anterior

A participación baixou en todos os concellos do sur agás O Incio respecto ás municipais de 2011

A participación nos comicios municipais do 24 de maio baixou en todos os concellos do sur lucense, agás no Incio, onde apenas subiu medio punto porcentual respecto ás municipais de 2011. EC.
A participación nos comicios municipais do 24 de maio baixou en todos os concellos do sur lucense, agás no Incio, onde apenas subiu medio punto porcentual respecto ás municipais de 2011. EC.

• A xornada electoral do 24 de maio mantivo en xeral o mapa político municipal do sur de Lugo, aínda que con cambios sustanciais nas capitais comarcais de Lemos, Chantada e Sarria. En Monforte, o socialista José Tomé previsiblemente será alcalde ao superar nun edil á segunda forza, o BNG. Na vila do Asma, Manuel Varela afianza a opción do INTA ao lograr a maioría absoluta. O goberno en Sarria queda por definir, ao perder o Partido Popular a maioría que en 2011 lograra José Antonio García e que non revalidou nesta volta. Por contra, Julio Álvarez mantén o bastón de mando en Quiroga cunha importante porcentaxe de votos, o 66,78%, revalidando unha das dez maiorías absolutas conseguidas polo Partido Popular no sur lucense.

O PP MANTÉN AS 4 MAIORÍAS DA COMARCA DE LEMOS, TOMÉ GAÑA EN MONFORTE E MACEDA LOGRA A MAIORÍA EN BROLLÓN PARA O BNG

Na comarca de Lemos, a participación nos comicios do 24 de maio foi menor en todos os concellos respecto das municipais de 2011. A caída máis importante rexistrouse en Bóveda, onde a participación baixou case 8 puntos, mentres que Sober foi o concello que mellor mantivo o número de votantes, cunha baixada de menos de 1 punto respecto a 2011.

A novidade na comarca de Lemos foi a victoria dos socialistas en Monforte, onde José Tomé superou os seus resultados de 2011, pasando de 4 concelleiros a 6, quedando a 1 edil por diante da segunda forza máis votada, o BNG de Pilar López, que logrou 5 concelleiros. Os nacionalistas perden así dous sillóns na corporación respecto ao mandato anterior. Tamén con 5 concelleiros quedan os populares de Julia Rodríguez, que retrocede nestes comicios respecto aos 6 concelleiros acadados en 2011. Ademais, Espertamonforte! entra na Corporación cun edil, posto que corresponderá a Maribel García. Esquerda Unida-SON non acadou representación.

O reparto dos 9 concelleiros de A Pobra do Brollón reforza ao equipo de goberno dos nacionalistas de Maceda, que suben a 5 edís nesta ocasión, mentres que socialistas e populares manteñen cadanseu par de concelleiros na Corporación.

En Sober, Luis Fernández Guitián revalida a súa maioría con 7 concelleiros, e os socialistas conservan os dous edís do mandato anterior. Pola súa banda, Agroma Sober ocupa os dous sillóns que antes corresponderan ao BNG en Sober, que non presentou candidatura nestes comicios. José Manuel Arias seguirá como alcalde de Bóveda, con 6 concelleiros, mentres que o PSdeG-PSOE sube ata 3 edís, absorbendo o posto que antes ocupaba o concelleiro do BNG, formación que non presentou candidatura. En Pantón, José Luis Álvarez mantén a alcaldía cun amplo marxe de 7 edís, e o BNG dá a sorpresa ao subir de 1 a dous concelleiros, sendo a segunda forza máis votada a costa dos socialistas, que quedan con dous edís. No Saviñao, os populares de Joaquín González manteñen a maioría a pesares de perder un concelleiro, quedando con 6, mentres que o BNG logra entrar na Corporación cun edil, e os socialistas manteñen aos seus 4 representantes.

O socialista José Tomé Roca no momento de emitir o seu voto o 24 de maio, nunha xornada que culminou coa súa victoria nas municipais de Monforte. EC.
O socialista José Tomé Roca no momento de emitir o seu voto o 24 de maio, nunha xornada que culminou coa súa victoria nas municipais de Monforte. EC.

NA COMARCA DE QUIROGA, O PP REVALIDA GOBERNO EN QUIROGA E FOLGOSO, E O PSOE AUMENTA A SÚA MARXE EN RIBAS DE SIL

No Courel, a participación tamén baixou nos tres municipios da comarca quiroguesa. En Quiroga descendeu algo máis de tres puntos respecto a 2011, e en Folgoso case tres, mentres que en Ribas de Sil a caída foi de pouco máis de 2 puntos porcentuais.

As tres alcaldías mantéñense sen alteracións. O popular Julio Álvarez revalida con soltura a súa maioría con 8 concelleiros, mentres que o cambio sitúase no reparto de edís na oposición, xa que os socialistas gañan un sillón en detrimento dos nacionalistas, que quedan con un. En Folgoso, Lola Castro mantense un mandato máis á fronte da alcaldía, conservando os 5 representantes populares, mentres que o PSdeG-PSOE queda con 3 edís, ao perder un en favor de C@urel Vivo, de Óscar Carrete. Miguel Sotuela afianza a alcaldía de Ribas de Sil, ao gañar un concelleiro respecto a 2011, cando os socialistas gobernaron con 6. Os populares estarán con 2 concelleiros, un menos que neste mandato.

O INTA DÁ A SORPRESA ACADANDO A MAIORÍA EN CHANTADA, E TABOADA REXISTRA A CAÍDA MÁIS ABULTADA NA PARTICIPACIÓN, CON 10 PUNTOS MENOS QUE EN 2011

Na comarca de Chantada, o dato máis significativo foi a maioría absoluta de Manuel Varela (INTA) na vila do Asma, que con 2.197 votos doblou á segunda forza máis votada no municipio, o PSdeG-PSOE. Os socialistas quedan así con 3 concelleiros, que integrarán a oposición cos dous edís logrados polo PP e o concelleiro correspondente a Iniciativa por Chantada. Pola súa banda, o BNG non terá representantes na corporación chantadina. En canto a participación, Chantada rexistrou unha forte caída respecto ao 2011, cun 73,80% de afluencia ás urnas, o que implica unha baixada de 7 puntos porcentuais.

Taboada foi o municipio do sur lucense onde máis se notou a menor afluencia de votantes na xornada do domingo 24 de maio respecto ás anteriores municipais, cun 71,11%, algo máis de 10 puntos por debaixo dos rexistros de 2011. En resultados, o Partido Popular segue un mandato máis como a forza máis votada, con 7 concelleiros, e o BNG sitúase como a segunda opción política en número de votos, polos que lle corresponden 2 edís. Esta mesma representación terá o PSdeG-PSOE, que perde un concelleiro respecto a 2011.

En Carballedo, Julio Yebra Pimentel continúa na alcaldía, logrando a maioría máis ampla acadada polo PP no sur lucense, cun 71,98% dos votos. Esta porcentaxe outórgalle 8 edís, un menos que no mandato anterior, mentres que o PSdeG-PSOE gaña 1 escano e contará con 2 representantes. O BNG seguirá cun concelleiro na Corporación. A participación en Carballedo foi do 81,78%, en torno a 2 puntos menos que en 2011.

O PP PERDE A MAIORÍA EN SARRIA, O PSOE CAMBIA A COR POLÍTICA EN LÁNCARA, E AFIÁNZASE NO INCIO

Na comarca sarriana, os datos máis salientables son a perda da maioría popular en Sarria, e o cambio político en Láncara a favor dos socialistas.

No municipio de Láncara, os socialistas conseguiron 5 edís, o que lles sitúa como a forza máis votada, e o PP perde un concelleiro, quedando como segunda opción política con 4 representantes. O BNG mantén un concelleiro, sendo a terceira forza no municipio, e Compromiso por Galicia acada un representante. A participación en Láncara baixou algo máis de 3 puntos respecto ás anteriores municipais, cun 79,91% de afluencia ás urnas.

En Sarria, o Partido Popular perde a maioría absoluta, quedando como a forza máis votada, con 3.011 sufraxios, o que lle outorga 7 concelleiros, lonxe dos 9 que tivo no mandato anterior. Pola súa banda, os socialistas perden un concelleiro, quedando con 4, resultado dos 1.891 votos obtidos nas urnas o 24 de maio. A terceira forza máis votada en Sarria foi Compromiso por Galicia, que acada 3 concelleiros, cun total de 1.252 votos. O BNG recupera un concelleiro, situándose con 2 edís neste mandato, logo de obter 1.000 votos. Os independentes quedan cun concelleiro na Corporación. A participación na xornada do domingo 24 de maio foi do 73,30% en Sarria, tres puntos e medio menos que nas municipais de 2011.

En O Incio afiánzanse os socialistas, con 5 concelleiros, desbancando ao PP, que terá 3 representantes neste mandato. O BNG contará cun edil na corporación. A participación nas urnas foi do 87,04%, único municipio do sur lucense onde repuntou a afluencia de votantes, cun 0,3% máis que nas anteriores municipais.

En Samos, o concello seguirá con goberno socialista, ao manter os 6 concelleiros que tiña. Pola súa parte, o PP perde un edil, quedando con 2, mentres que Compromiso por Galicia terá un representante. Os nacionalistas non estarán na Corporación deste mandato. A pesares de ter un alto índice de participación, un 84,94%, Samos tamén rexistrou unha caída no número de votantes, con preto de dous puntos e medio menos que en 2011.

En Paradela, o popular José Manuel Mato revalidou a súa maioría, cun aplastante 70,82% dos votos, o que lle garante 7 concelleiros. A segunda forza é o PSdeG-PSOE, con 2 edís, e o BNG non terá representación. O número de votantes nestes comicios baixou 4 puntos e medio respecto a 2011, cunha participación do 79,31%.

En O Páramo, o PP mantense como primeira forza, con 5 concelleiros, mentres que o PSdeG-PSOE perde representación, quedando con 2 edís, cedendo 1 a Compromiso por Galicia, a terceira forza máis votada, e outro ao BNG, que entra así na Corporación. Os índices de afluencia ás urnas mantivéronse con certa estabilidade en O Páramo, xa que votou o 78,52% do electorado, con apenas unha baixada de medio punto.

En Triacastela, a situación municipal permanece inalterable, con maioría do PP con 4 edís, e a oposición formada polos 3 concelleiros do PSdeG-PSOE. A participación foi a máis elevada do sur de Lugo, cun 91,21%, aínda que baixou un 0,26% respecto das últimas municipais.

O PARTIDO POPULAR É A FORZA MAIORITARIA NO SUR DE LUGO, CUN TOTAL DE 97 CONCELLEIROS

En canto a número de representantes nas recén elixidas Corporacións locais das catro comarcas de Lemos, Sarria, Chantada e Quiroga, o Partido Popular resultou ser a forza maioritaria, cun total de 97 concelleiros. Á hora de gobernar, estes datos outorgan aos populares unha gran marxe, xa que rexistraron 10 maiorías absolutas (O Saviñao, Bóveda, Pantón, Quiroga, Sober, Paradela, O Páramo, Triacastela, Carballedo e Taboada). Os cambios máis salientables serían as perdas para os populares da maioría en Sarria, onde a gobernabilidade está máis aberta agora, e do goberno en Láncara, que pasa a mans socialistas.

Pola súa banda, os socialistas sumaron un total de 67 concelleiros nas comarcas de Lemos, Sarria, Chantada e Quiroga. En canto a resultados a nivel provincia, o secretario dos socialistas lucenses, Juan Carlos González Santín, destacou que «estes son os mellores resultados de toda a historia do Partido Socialista na provincia». Santín suliñou que os datos provisionais falan dun aumento «considerable» de concelleiros en 5 dos 6 partidos xudiciais, e que darían continuidade ao Partido Socialista na Deputación de Lugo por terceiro mandato consecutivo.

O BNG acadou 21 concelleiros nas 4 comarcas do sur, destacando a maioría absoluta en A Pobra do Brollón.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Ribas de Sil festexou o Día das Letras Galegas cun amplo programa de actos culturais

Seguinte Nova

A selección sarriana volve á Bretaña francesa

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss