Ribas de Sil celebra a XIII Festa da Cereixa e do Aceite o 30 e 31 de maio

O programa festivo incorpora novas actividades para os cativos, no entorno da Praia Fluvial

•Dende a organización esperan repetir os bos resultados da pasada edición •Esta cita supón unha gran oportunidade para a comercialización dos produtos locais, ao impulsar a súa presenza tamén noutras feiras de Galicia •Dentro das novidades do programa, haberá unha xornada de pintura ao aire libre para nenos e nenas, e un obradoiro-sesión de maxia

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• Este ano, as cereixas de cedo de Ribas de Sil non quixeron esperar moito. Logo de quince días mirando ao ceo, os organizadores da XIII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil decidiron que o delicioso produto local estaría no seu punto óptimo de maduración unha semana antes do previsto, e adiantaron a celebración á fin de semana do 30 e 31 de maio. «A cereixa é así, ao ser tan delicada e ao non levar ningún tipo de tratamento químico hai que estar moi atentos á súa maduración», explica Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas de Sil. Logo da reunión cos produtores a mediados de maio, estableceron que este ano habería que adiantar a festa, como xa tiña pasado nalgunha ocasión. Así, as cereixas chegarán nas mellores condicións aos postos instalados no entorno da Praia Fluvial, nunha fórmula exitosa de lecer e natureza. «Estamos moi satisfeitos do resultado da Festa nas últimas edicións, a xente está respondendo, e penso que o feito de celebrarse na Praia Fluvial convida aos visitantes a quedarse todo o día e disfrutar desta paraxe», suliña Castro.

BOS PRODUTOS NUN ENTORNO EXCEPCIONAL

A proba do éxito da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil é que cada ano conta con máis público, que marcha encantado coa súa provisión de cereixas e sorprendéndose coa variedade e calidade dos produtos locais. «Ademais dos seis postos de cereixa, na Festa tamén está á venda mel da zona, e tamén figos, que son deliciosos, cun sabor moi especial e totalmente ecolóxicos», destaca Roberto Castro, que desvela ademais unha das claves do bo facer desta Festa. «Todas as cereixas que se comercializan durante os dous días están recén recollidas», precisa Castro, «por suposto, hai cereixas abondo para cubrir a demanda, pero para ofrecer o produto nas mellores condicións cada posto traballa con dous equipos, un recollendo nas cerdeiras según lle piden da caseta, e outro vendendo no stand». Esta coidada trazabilidade do produto garante que os visitantes degusten a cereixa de Figueiredo, a zona con máis produción, nas mellores condicións. As cifras falan por si mesmas: o ano pasado a venda de cereixas rondou os 2.500 quilos, e de aceite expedíronse preto de 300 litros. «Con isto estamos a cumplir o obxectivo da Festa, que é protexer os nosos produtos e que teñan unha vía de comercialización», apunta Castro. A Festa da Cereixa e do Aceite constitúe unha boa oportunidade económica para os produtores, e para os diversos artesáns que tamén teñen presenza no evento da Praia Fluvial. Asimesmo, e como escaparate de cara ao exterior, a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil comeza a dar os seus froitos, xa que «algún produtor está empezando a vender cereixa e aceite noutras feiras por diversos puntos de Galicia», explica Castro.

PROGRAMA DE ACTOS

A mañá do sábado 30 de maio abrirase cun pasarrúas do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil, que dará paso á apertura das casetas e á degustación da cereixa. Xa pola tarde, e a partir das 18,00 horas, a creatividade infantil será a protagonista. A esa hora, inaugurarase na Aula de Pesca a exposición de pintura do alumnado da Escola Municipal, e desenvolverase unha sesión de pintura ao aire libre para nenos e nenas, que estarán acompañados por unha monitora especializada. O deporte chegará a continuación, cando ás 19,30 se dispute o 7º Trofeo da Cereixa na área deportiva da Praia Fluvial. Xa ás nove, a vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, dará lectura ao pregón da Festa, e a xornada rematará cunha festa-baile, a partir das nove e media, amenizada polo grupo Época.

A xornada do domingo 31 de maio arrincará cunha degustación de cereixas e produtos típicos, e seguirá aberta a exposición de pintura na Aula de Pesca. Ás once, haberá un pasarrúas da charanga Europa, que amenizará musicalmente o recinto feiral durante toda a mañá. Ás doce iniciarase a 3ª Concentración de Coches Clásicos no entorno da Praia Fluvial, onde os propietarios explicarán aos visitantes a historia e as características destas xoias do motor. A continuación, desenvolverase un festival folclórico e musical.

A xornada da tarde contará ás catro cunha demostración de artesanía en madeira de oliveira, a cargo de Pablo Rodríguez, da firma Armaior. Ás seis, haberá un obradoiro de maxia para nenos na Aula de Pesca, que continuará coa actuación do Mago Deimi ás sete. A música pechará a xornada festiva, coa actuación da charanga Europa a partir das oito da tarde.•

 

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Comendo e falando en alemán e italiano

Seguinte Nova

Quiroga celebrou o Día das Letras Galegas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: