Todo listo en Pantón para celebrar as XXVIII Xornadas da Rota do Románico

Conferencias, deporte, música e contacto coa natureza integran o programa desta edición

•As actividades desenvolveranse do 29 de maio ao 21 de xuño •O obxectivo destas xornadas segue a ser a posta en valor do patrimonio monumental de Pantón e da contorna lucense

A profesora Flora Enríquez, coordinadora das xornadas da Rota do Románico de Pantón, acompañada de Javier González, da concellería de Cultura de Pantón, durante a presentación do programa de actos. EC.
A profesora Flora Enríquez, coordinadora das xornadas da Rota do Románico de Pantón, acompañada de Javier González, da concellería de Cultura de Pantón, durante a presentación do programa de actos. EC.

 

• En Pantón teñen todo disposto para celebrar as Xornadas da Rota do Románico, que este ano acadan a súa vixésimo oitava edición. Logo de case trinta anos de traballo para divulgar e poñer en valor a riqueza monumental e artística deste municipio, dende o Concello de Pantón seguen a impulsar o coñecemento e o respecto pola arte e arquitectura desta zona da Ribeira Sacra. Ademais, e según explicaba a profesora Flora Enríquez, coordinadora destas Xornadas, non hai que limitarse aos localismos, senón que a aposta debe ser máis rica, abrindo o ámbito a todos aqueles aspectos que teñan que ver co noso patrimonio artístico e monumental.

UNHA OLLADA ÁS PRIMEIRAS TESTEMUÑAS ARTÍSTICAS

Ese enfoque máis amplo destas Xornadas da Rota do Románico concrétase, por exemplo, na primeira das actividades do programa. A conferencia inaugural versará sobre «Ourivería prerromana. As xoias dos nosos antepasados», e estará a cargo de Aurelia Balseiro García, museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo. Balseiro impartirá esta conferencia o venres 29 de maio ás 20 horas, no Salón de Actos do Concello de Pantón.

DEPORTE PARA TODOS

Como vén sendo tradicional, os principais eventos lúdicos e culturais do sur lucense inclúen na súa programación unha cita co deporte, a través das carreiras populares, co fin de promover a participación de veciños e visitantes, ao tempo que disfrutan dunha xornada de lecer. A XV Carreira Popular Rota do Románico, integrada no IV Circuíto Leader Ribeira Sacra de Carreiras Populares, terá lugar o sábado 30 de maio. Este ano, a proba desenvolverase en horario de tarde, para minimizar o impacto que as altas temperaturas do mediodía poideran ter nos participantes. Esta carreira, organizada polo Concello de Pantón coa colaboración do GDR Ribeira Sacra, ten un percorrido de 6,27 quilómetros para a proba absoluta, que partirá da Praza do Concello en Ferreira ás 19,00 horas. Para os menores, a carreira sairá ás 18,00 horas dende o mesmo punto.

REFLEXIÓN SOBRE O NOSO RURAL

O programa das XXVIII Xornadas da Rota do Románico ofrecerá unha visión sobre a paisaxe humana do noso rural, coa conferencia «A revitalización dos territorios de interior: Ribeira Sacra», que ofrecerá Montserrat Villarino Pérez, profesora titular de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela. A cita será o venres 5 de xuño ás 20 horas no Salón de Actos do Concello de Pantón.

COMO PERCIBIMOS A MONUMENTALIDADE NO ENTORNO RURAL

O ciclo de conferencias da vixésimo oitava edición das Xornadas do Románico de Pantón pecharase o venres 12 de xuño, cunha reflexión sobre a visión que temos da arquitectura popular. Juan Ortiz Sanz, enxeñeiro agrónomo e profesor titular da Universidade de Santiago na Escola Politécnica Superior de Lugo, falará sobre «A arquitectura popular e o seu interese na sociedade actual», ás 20 horas no Salón de Actos do Concello.

MÚSICA E LITERATURA, DA MAN NAS XORNADAS DO ROMÁNICO DE PANTÓN

A música terá o seu espazo, como sempre, no programa de actos das Xornadas da Rota do Románico de Pantón. Tamén o venres 12 de xuño, ás 18 horas, celebrarase no Mosteiro das Bernardas a IV Edición da Sinfonía no Mosteiro. Este ano, a interpretación estará a cargo do grupo músico-vocal Eikasia, composto por Xela Conce e Samuel Soto.

Na mesma xornada, terá lugar a presentación da reedición do libro «Heráldica de Pantón», de Isaac Rielo Carballo. Según explicou a coordinadora das Xornadas, esta reedición supón un paso máis na recuperación da interesante bibliografía sobre o patrimonio monumental e artístico de Pantón que o Concello foi editando nas últimas décadas, e que nalgúns casos, como no libro de Rielo, atopábanse esgotados ou eran de difícil localización para os interesados nestes temas.

ARTE E NATUREZA

As Xornadas da Rota do Románico pecharán cunha xornada de sendeirismo, que baixo o título «Coñece a Ribeira Sacra» desenvolverase o 21 de xuño. Os detalles do roteiro aínda están pendentes de confirmar, e estarán dispoñibles na web do Concello www.concellodepanton.es ou en www.facebook.com/ConcelloPanton.

VIÑO DA RIBEIRA DE PANTÓN

Asimesmo, a XXII Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón celebrarase no Castro de Ferreira os días 6 e 7 de xuño, con música, gastronomía e animación.•

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As instalacións de Augas Mestas acolleron unha xuntanza do Eixo Atlántico

Seguinte Nova

Aberto o prazo de solicitude para expositores na XIII Feira Tradicional Outrora de Rubián-Bóveda

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: