A Xunta promove o reinvestimento de polo menos o 40% dos ingresos xerados nos montes

•Núñez Feijóo considera “importante” o decreto que a Xunta está a tramitar para establecer o que se entende por ingresos nos montes en man común •A norma busca unha “xestión forestal sustentable”

O 33% da superficie forestal de Galicia está ocupada por montes veciñais en man común. (Arquivo EC).
O 33% da superficie forestal de Galicia está ocupada por montes veciñais en man común. (Arquivo EC).

• A Xunta de Galicia vén de iniciar os trámites para a aprobación do decreto polo que se desenvolve o procedemento para establecer as cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común. Según precisou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esta norma nace da primeira Lei de Montes de Galicia aprobada no Parlamento, que establece, como norma xeral, que dos ingresos xerados por estes montes, unha cota mínima do 40 por cento se reinvista na mellora e protección forestal.

REINVESTIMENTO NO MONTE DOS INGRESOS QUE DÁ O MONTE
O mandatario autonómico explicou que actualmente, nestes terreos xa se están a realizar aproveitamentos dos diferentes recursos que produce o monte, como biomasa, pasto, castañas, cogomelos ou madeira, entre outros, ademais de desenvolverse diferentes actividades e usos, como a actividade extractiva, socio-recreativa, ou produción eólica, que xeran ingresos de xeito continuado. Pero Feijóo puntualizou que, “do que se trata é de que parte destes ingresos sexan novamente investidos no propio monte, a fin de asegurar a súa sustentabilidade no tempo”. Con esta finalidade se está a impulsar este decreto, “que vai clarificar as actuacións e prazo de reinvestimento ao que teñen que ser dedicados parte dos ingresos xerados polo monte veciñal”.

PRAZOS AXEITADOS
O presidente da Xunta destacou que esta norma vai ter en conta os tempos reais deste sector, xa que en materia forestal “os prazos son longos e, polo tanto, os reinvestimentos deben ser acompasados a esta realidade”. Según isto, a Lei de Montes de Galicia fixou un período máximo de 4 anos contados a partir do ano seguinte no que se produciu o ingreso para realizar o reinvestimento das cantidades obrigadas. Ademais, no caso de que se tivera que exceder este prazo, e sempre por causa xustificada, a comunidade de montes podería presentar un plan de investimento plurianual que, tras a súa aprobación administrativa, faría posible alongar estes prazos.

XUSTIFICACIÓN DO INVESTIMENTO
Outro aspecto destacado desta norma refírese á xustificación dos investimentos. Así, o proxecto de decreto que está a tramitar a Xunta precisa que as comunidades de montes deben presentar no primeiro semestre de cada ano ante a Consellería do Medio Rural e do Mar unha comunicación sobre a execución das actuacións realizadas e financiadas polas cantidades de reinvestimento obrigadas.
Ademais, este decreto vai precisar que tipo de actuacións poden incluírse neste 40% de reinversión. “Con esta norma, a Xunta afonda na definición e concreción detallada do que se entende por ingresos nun monte veciñal en man común, e na clarificación do procedemento para que efectivamente eses reinvestimentos se produzan nun tempo razoable”, precisou o presidente.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aprobada unha nova liña de axudas para o pequeno comercio

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra, protagonista este mes dun curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: