A Xustiza desestima o recurso do Concello de Paradela contra a Deputación pola estrada de San Facundo

Imaxe de arquivo dos traballos de acondicionamento na estrada de San Facundo realizados pola Deputación, logo de producirse un derrubamento o pasado ano. (Foto cedida).
Imaxe de arquivo dos traballos de acondicionamento na estrada de San Facundo realizados pola Deputación, logo de producirse un derrubamento o pasado ano. (Foto cedida).

• A Xustiza desestimou o recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello de Paradela contra a Deputación de Lugo. O Concello pretendía que o organismo provincial asumise a titularidade da estrada de acceso a San Facundo e o indemnizara polos supostos danos sufridos nun camiño municipal. Según informaron os responsables provinciais, o pasado ano a Deputación víase na obriga de acondicionar esta estrada, que comunica Loio co Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, para retirar o material procedente dun derrubamento, logo de agardar seis meses sen que o Concello solucionase o problema. Este desprendemento afectaba directamente a uns 70 veciños de Cabo de Vila e Adega das Penas, que tiñan que dar un rodeo duns 5 quilómetros para os seus desprazamentos habituais. Ante a inactividade do Concello e para evitar maiores prexuízos aos veciños, a Deputación fíxose cargo destes traballos con medios propios.
Este mes, o Xulgado número dous do Contencioso-Administrativo de Lugo desestimou na súa totalidade as pretensións do Concello, e rexeita que o organismo provincial teña que indemnizalo en modo algún polos supostos danos nesta corredoira municipal, á que a propia sentenza non outorga categoría de estrada, e pola que non é posible a circulación de vehículos.
Según suliñaron os responsables provinciais, a resolución xudicial confirma que a estrada construída pola Deputación para permitir os desprazamentos dos veciños constitúe unha “mellora evidente” na calidade de vida dos veciños de Paradela. Ao mesmo tempo, a sentenza é crítica coa postura mantida polo Concello, ao non asumir este a titularidade da estrada nova, non manter en condicións de uso a corredoira municipal, e pedir unha indemnización ao organismo provincial ao carecer totalmente de fundamento. O Xulgado tamén condena ao Consistorio a abonar as custas xudiciais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Ribeira Sacra, protagonista este mes dun curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo

Seguinte Nova

Un grupo de traballo entre Xunta e organizacións agrarias analizará a situación do sector lácteo

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: