•A Consellería de Economía deu luz verde este mes a un programa de achegas dotado de 800.000 euros •Subvencionará actividades de dinamización a través de asociacións e federacións de comerciantes

• Ata comezos do vindeiro mes de xullo, as asociacións e federacións de comerciantes poderán solicitar as axudas que a Consellería de Economía e Industria vén de aprobar, e que suman unha partida de 800.000 euros.
AS AXUDAS CUBRIRÁN ATA O 70% DO CUSTE DA ACTIVIDADE
Según explican as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia do 2 de xuño, estas axudas irán destinadas a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal para o desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial. O importe de cada axuda sufragará ata o 70% dos investimentos a realizar. A contía máxima da axuda será de 70.000 euros no caso das federacións que conten con 20 ou máis asociacións integradas, e para as federacións que non alcancen este número de membros, a contía das achegas terá un máximo de 48.000 euros. No caso das asociacións de ámbito superior ao municipal, o apoio será dun máximo de 13.000 euros.
PRETO DE 8,5 MILLÓNS EN AXUDAS ESTE ANO
O ano pasado foron máis dunha vintena as federacións e asociacións de comerciantes beneficiadas por este tipo de axudas. Dentro da estratexia de impulso ao asociacionismo comercial da Consellería de Economía e Industria, activouse tamén a a liña de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros e que se atopa en fase de resolución.
Este ano xa se destinaron preto de 8,5 millóns a programas específicos de apoio ao sector comercial, centrados na innovación e a modernización, relevo comercial, ou potenciación das prazas de abastos.•