• Actividades para cativos e adolescentes, ademais de obradoiros para todas as idades •O programa desenvolverase en xuño, xullo e agosto •Haberá excursións para visitar os outros tres centros da Rede Museística Provincial
• O Museo Pazo de Tor acollerá nos meses de verán diversas actividades dirixidas a nenos, adolescentes e maiores, dentro da programación da Rede Museística Provincial.
ATENDER Á DEMANDA SOCIAL E AXUDAR A CONCILIAR A VIDA FAMILIAR E LABORAL
O obxectivo desta programación, que inclúe máis de 50 actividades espalladas polos catro centros da Rede, é “atender a crecente demanda social de actividades de tipo cultural”, ao tempo que se busca “axudar a conciliar as longas vacacións dos escolares coas escasas vacacións dos seus pais e nais”. Así o explicaba a comezos deste mes o responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, durante a presentación deste programa de actividades. Outeiro destacou tamén a importancia de entender os museos “como un servizo permanente á sociedade que os sostén, como espazos de comunicación e coñecemento, e de intercambio de saberes e experiencias”. O responsable de Cultura da Deputación suliñou “o compromiso deste equipo de Goberno de servir á nosa sociedade, de usar os fondos que custodiamos nos museos para o proveito de todos”.
OBRADOIRO PARA EXERCITAR A MENTE EN XUÑO
No Museo Pazo de Tor, as actividades comezan xa este mes de xuño, coa celebración, os días 11, 16 e 18 de xuño, dun obradoiro de poesía visual, destinado ao Club Senior. Este obradoiro pretende exercitar a mente e outras habilidades mediante exercicios práticos. Según os responsables desta actividade, a aprendizaxe cultural, compartir o tempo, o espazo, as experiencias e os coñecementos é de vital importancia para a satisfacción dos nosos maiores. Este obradoiro desenvólvese en horario de tarde, de 18 a 19,30 horas.
IGUALDADE E GASTRONOMÍA PARA ADOLESCENTES
Os rapaces e rapazas de 10 anos en adiante poderán participar na actividade titulada “Arte para a igualdade”, o 16 de xullo de 11 a 14 horas. Este obradoiro ten como obxectivo tomar conciencia das desigualdades históricas entre homes e mulleres a través do seu reflexo na arte, e como poder cambiar esta tendencia.
Ese mesmo día, no mesmo horario, desenvolverase o obradoiro “Unha viaxe culinaria no espazo e no tempo, pola xeografía e a historia da gastronomía”. Esta actividade, dirixida a nenos e nenas de 7 a 12 anos, ofrece unha viaxe visual e musical pola gastronomía de países como India, China, Xapón ou algúns de Europa, con degustacións incluídas. Será de 11 a 14 horas.
DIVULGACIÓN CIENTÍFICA A TRAVÉS DA ARTE
Xa o día 21 de xullo, os membros do Club Pequeamig@s poderán disfrutar dun obradoiro de divulgación científica, para descubrir a relación entre a arte e o complexo mundo da ciencia. Está dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos, e desenvolverase de 12 a 14 horas. Este obradoiro repetirase o 18 de agosto, no mesmo horario.
DESEÑOS EN HENNA, ESTIMULACIÓN MENTAL PARA MAIORES OU MUSEOTERAPIA INFANTIL NO AGOSTO DE TOR
A maior parte das actividades do programa da Rede Museística Provincial en Tor concéntranse no mes de agosto. Os días 6, 11 e 13 terá lugar un obradoiro de memoria visual para o Club Senior, en horario de 18 a 19,30 horas.
O día 15 desenvolverase o obradoiro “Man con man, ritual sobre a pel”, centrado na elaboración de deseños con henna natural importada de Marrocos. Esta actividade, aberta para o público en xeral, realizarase de 17 a 20 horas.
Os máis pequenos voltarán a ser os protagonistas da programación o día 19 de agosto, co obradoiro de “Museoterapia: arte e sentidos”, destinado a membros do Club Pequeamig@s. Esta actividade busca, entre outros obxectivos, activar e alimentar o maxín dos máis novos, saborear a arte, fortalecer a autoestima e sentirse pertencente a un grupo. O obradoiro impartirase de 12 a 14 horas.
DESENTRAÑANDO O LABIRINTO DE TOR, UNHA ACTIVIDADE PARA OS MÁIS CATIVOS
Tamén para nenos e nenas de 4 a 12 anos está destinada a actividade denominada “Descubrindo o labirinto”, na que os participantes perderanse polo labirinto de Tor e tratarán de atopar os camiños de saída. Os participantes descubrirán os usos e funcións deste labirinto de pedra centenario a través da construción dun minilabirinto, para o que haberá que ir gañando unha a unha as súas pezas. O horario deste obradoiro é de 12 a 13,30 horas.
A fotografía será a protagonista da actividade do día 21, co obradoiro “Unha viaxe fotográfica no Museo”, destinado a o público en xeral de 8 anos en adiante. Neste obradoiro proponse unha viaxe polas coleccións fotográficas do Museo, o que fará que os participantes se trasladen a outras épocas e poidan ir enfiando as historias que estas imaxes lles suxiren.
“Historias violetas, as mulleres nos museos” é o título do obradoiro do día 22, destinado a persoas de 8 anos en adiante. Nesta actividade, reflexionarase sobre o papel da muller ao longo da historia, a través da visualización de pezas, obxectos, ou fotografías do fondo do Museo.
O día 26 de agosto rematará a programación de verán no Museo Pazo de Tor, co obradoiro “TratoRetrato”, destinado a nenos e nenas de 4 a 14 anos do Club Pequeamig@s, en horario de 12 a 14 horas.. Esta actividade centrarase na elaboración de debuxos da propia imaxe, coas esaxeracións propias da técnica da caricatura.
Tamén haberá unha serie de excursións polos centros da Rede Museística Provincial, que sairán do Museo de Lugo. Toda a información está accesible no 982 165 534, ou no pazodetor@museolugo.org.•