• Esta labor editorial abrangue temática variada, como historia local, escolmas literarias ou libros infantís, ademais de catálogos artísticos
• O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, destacou o «importante traballo» realizado polo Servizo de Publicacións deste organismo provincial, que editou 200 volumes nos últimos catro anos. Según explicou o responsable da Área de Cultura provincial, destes 200 títulos, 150 son libros de diversas temáticas relacionadas coa historia, a cultura, a etnografía, a literatura ou as artes plásticas da nosa provincia, e outros 50 corresponden a publicacións do Museo Provincial que non se poñen á venda, como unidades didácticas, catálogos ou outro material da Rede Museística Provincial.
INTERCAMBIO DE PUBLICACIÓNS CON 200 ENTIDADES DE TODO O MUNDO
Veiga destacou tamén que «a maiores do traballo de edición e publicación, faise un importante traballo de distribución, xa que os libros poden mercarse nas librerías ou no stand do Servizo de Publicacións da Deputación nas cinco Feiras do Libro de Lugo, Monforte, Ribadeo, Foz e Viveiro». Por outra banda, a Deputación fai chegar exemplares dos títulos editados a asociacións, centros de ensino e bibliotecas de toda a provincia de xeito gratuíto. Asimesmo, os libros e catálogos do Museo envíanse en intercambio a 200 entidades de todo o mundo, «polo que tamén serven para levar o nome de Lugo por toda Europa e América, por exemplo», salientou Veiga.
A tirada media das publicacións da Deputación está entre os 500 e os 1.000 exemplares. Unha parte dos títulos edítase tamén en formato dixital, en CD e para libro electrónico.
Algúns dos últimos títulos publicados pola Deputación son «Apuntes sobre Ribadeo», «Mondoñedo literario», «Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século», «Brinca o Río», sobre poemas de Xosé María Díaz Castro; o libro infantil «A Casa de Vapor», «Achádego Teatro. 25 Aniversario»; e os catálogos artísticos «Diálogos na Rede», «Estudio Aberto», «Arte e Natureza» e «Yolanda Dorda. Diálogos omitidos».•