•Coincidindo co Día Mundial do Leite, que se celebra o 1 de xuño •Esta aula piloto permitirá reproducir a escala reducida os procesos máis representativos da industria láctea

• O pasado 1 de xuño, e coincidindo co Día Mundial do Leite, quedou inaugurada a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias no Campus de Lugo. Esta planta piloto, cunha superficie de 575 metros cadrados, está dotada dos medios técnicos necesarios para reproducir, a escala reducida, os procesos máis representativos da industria láctea como son a recepción de leite cru, a termización e estandarización do leite, tanto en materia graxa, como en proteínas, e o extracto seco. Ademais, tamén se pode realizar nesta planta a pasteurización e homoxeneización do leite e produtos lácteos, a elaboración de queixos, de leites fermentados como iogures firmes, batidos ou líquidos, e de produtos UHT. A nova planta dispón dun área de produción, laboratorios, áreas de administración, sala de máquinas, vestiarios e aseos.
«CONVERTER AS OPORTUNIDADES EN REALIDADES DE NEGOCIO»
O acto de inauguración contou coa presencia, entre outras autoridades, do rector da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa. Quintana suliñou que o I+D+i que desenvolven estas instalacións e a súa aplicación á industria láctea «permitirán converter esas oportunidades que se presentan ante o novo escenario sen cotas en realidades de negocio». A conselleira animou a que «se poida ocupar ese espazo de mercado interno que hoxe está en mans foráneas e ampliar o noso mercado externo». Neste sentido, destacou que España importa cada ano 2 millóns de toneladas de queixos e outro de leite para satisfacer as súas necesidades. Ademais, no mercado externo, Asia, China e o Norte de África rexistran unha crecente demanda de produtos lácteos, «produtos que debemos elaborar en pó ou deshidratados para a súa exportación, e iso é outra oportunidade». «Hai que dar resposta ás novas esixencias dos mercados nos que o consumidor final, cada vez máis, demanda produtos lácteos enriquecidos», precisou.•