
• O Plan de Choque que a Deputación e o Campus de Lugo puxeron en marcha hai un ano está a ter os primeiros resultados. Máis de 5.000 persoas interesáronse polo Campus lucense en só unha semana. O 40% das visitas á paxina www.paraestudarlugo.com proviñeron do estranxeiro, de países como por exemplo Rusia, Estados Unidos ou Alemaña. As publicacións dende o Facebook da Deputación sobre a campaña tiveron un alcance de máis de 10.000 persoas.
O vicerreitor do Campus, Javier Bueno, valorou a implicación do organismo provincial neste Plan de Choque. «O ano pasado incrementamos nun 40% a matrícula nas titulacións que tiñan menor demanda, e este ano as expectativas son mellores grazas ás axudas que ampliou a Deputación», suliñou Bueno.
O presidente en funcións da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que «temos unha forma distinta de facer política, que é a de comprometerse coa universidade pública», e criticou que a axuda da Xunta é menor ca media de Europa.•