• Traballarán para acondicionar tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por este municipio
• Durante o mes de xullo, unha vintena de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participarán en Quiroga nun campo de traballo, adicado á reinterpretación e acondicionamento do Camiño de Santiago. Fundamentalmente, o campo de traballo está orientado a mocidade procedentes doutras Comunidades Autónomas ou incluso de fóra de España.
SINALIZACIÓN, DOCUMENTACIÓN E CONSERVACIÓN DE PUNTOS DO CAMIÑO DE INVERNO
Esta actividade desenvolverase do 20 ao 31 de xullo, e incluirá tarefas de conservación e mellora de diversos elementos do Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio quirogués. Ademais, os voluntarios participantes mellorarán a sinalización desta ruta, e realizarán tarefas de documentación polos diversos puntos deste itinerario dentro do término municipal. Estes traballos terán lugar en horario de mañá.
CALENDARIO LÚDICO CON EXCURSIÓNS, OBRADOIROS E DEPORTES NA NATUREZA
O resto da xornada, os voluntarios participarán en obradoiros de pintura de camisetas, barro, coiro e reciclaxe, ademais de realizar sendeirismo pola Lagoa Glaciar e varias devesas. O programa lúdico completarase con visitas turísticas a emplazamentos como Montefurado e As Médulas, ou a localidades como Monforte. O calendario tamén inclúe actividades de lecer como piscina, kayak, barranquismo, canoa e paddelboard.
ESPAZOS NATURAIS, ALBERGUE DE QUIROGA E INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
As actividades desenvolveranse no entorno do Concello quirogués, o Albergue de Quiroga, e o complexo deportivo municipal, que abrangue as pistas polideportivas e as piscinas. Este campo de traballo está organizado pola Área de Xuventude do Concello de Quiroga, en colaboración coa Xunta de Galicia e a empresa Ocitem Animación S.L.•