•A Concellería de Benestar Social destinará ata 24.000 euros para axudar ás familias con menor renda per capita do municipio
• A Concellería de Benestar Social de Monforte vén de publicar as bases da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material complementario do curso 2015-2016. Estas axudas poderán solicitarse do 1 ao 15 de xullo.
QUEN PODE SOLICITAR ESTAS AXUDAS
Según a convocatoria, as axudas están dirixidas ao alumnado empadroado e escolarizado nos centros públicos e concertados do municipio de Monforte, nos cursos de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO. A persoa solicitante, pai, nai, titor ou persoa encargada da garda e custodia do alumno deberá tamén estar empadroada en Monforte.
En canto aos criterios económicos, as bases establecen que a renda per capita da unidade familiar non pode exceder de 226,26 euros ao mes, o que corresponde á metade da cantidade establecida polo IPREM para o ano 2015 en cómputo anual. No aspecto fiscal, os solicitantes deberán estar ao día no pago das obrigas tributarias municipais no momento de solicitar a axuda.
CONTÍA DAS AXUDAS POR MENOR ESCOLARIZADO
As bases desta convocatoria de axudas municipais establecen que só se poderá conceder unha axuda no mesmo ano para o mesmo concepto. Os importes máximos serán de 150 euros por alumno en Educación Infantil, e de 100 euros por alumno en Educación Primaria e ESO. Para atender estas axudas, o Concello de Monforte vai destinar un crédito máximo de 24.000 euros.
IMPRESO DE SOLICITUDE
As persoas interesadas deberán presentar o impreso de solicitude debidamente cumplimentado, acompañado da documentación correspondente. O impreso de solicitude está dispoñible nas Oficinas dos Servizos Sociais Municipais, situadas no Edificio da Praza de Abastos, ou tamén no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, no edificio do Campo de San Antonio.
DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DA UNIDADE FAMILIAR, INGRESOS E TRIBUTOS PARA ACOMPAÑAR Á SOLICITUDE
Ademais deste impreso, os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación: fotocopia do DNI ou, no caso de ser estranxeiro, pasaporte ou tarxeta de permiso de residencia da persoa solicitante; fotocopia do Libro de Familia completo ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar; título de familia numerosa se é o caso; certificado de convivencia no que o menor figure empadroado coa persoa solicitante. Ademais, requerirase certificado de matrícula no centro educativo do municipio onde o alumno estea matriculado.
Por outra banda, no caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude, haberá que presentar certificado emitido polo órgano competente, ou resolución da Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente no grao correspondente, ou documentación acreditativa da condición de pensionista das clases pasivas. Asimesmo, se é o caso, presentarase documentación acreditativa de situación de violencia de xénero no ámbito familiar.
Os datos económicos acreditaranse mediante fotocopia da Declaración da Renda do ano 2014 de todos os membros da unidade familiar ou, no seu defecto, certificado da Axencia Tributaria de non estar na obriga de presentala. Neste caso, presentarase as tres últimas nóminas do ano 2015, e o certificado de empresa correspondente ao ano 2014 no caso de persoas en activo. Para as persoas desempregadas, requerirase certificado do INEM, e certificado da pensión no caso de pensionistas. Por outra banda, haberá que presentar copia da sentencia de separación, divorcio, nulidade do matrimonio ou medidas paterno filiais respecto ao menor, e do convenio regulador, ou declaración xurada de percibir ou non pensión alimenticia a favor do menor. En caso de adopción, acollemento ou tutela, presentarase documento acreditativo expedido polo órgano competente.
Por último, a documentación de solicitude deberá incluír un certificado expedido nas Oficinas de Recadación municipais, de estar ao corrente coas obrigas tributarias co Concello de Monforte de Lemos.
LUGAR DE PRESENTACIÓN DOS DOCUMENTOS E SOLICITUDES
O impreso de solicitude e a documentación correspondente presentarase no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos, situado no Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n. Tamén poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello, situado no Campo de San Antonio s/n.•
XESTIÓN DA COMPRA DOS LIBROS COS VALES
•Unha vez aprobada a solicitude, a persoa beneficiaria acudirá ás Oficinas de Servizos Sociais do Concello para retirar o vale da axuda. Con este vale, o beneficiario xa poderá adquirir os libros e material escolar no establecemento de Monforte que escolla, e polo importe máximo que figura no documento.
Se o importe do material adquirido é inferior ó valor do vale, o establecemento deberá establecer na factura que emitirá ao concello de Monforte facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza.
Se o importe fose superior ó do vale, o establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante.
O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale. O importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.
Unha vez entregado o material escolar, a persoa solicitante entregará o vale asinado ao establecemento, que quedará en posesión do mesmo.
A aceptación dos vales polos establecementos supón a aceptación das condicións desta convocatoria.
Os establecementos deberán presentar as facturas acompañadas dos vales correspondentes no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, detallando o material escolar adquirido con cada vale, debendo este vir asinado polo solicitante e polo propio establecemento. O prazo para presentar facturas rematará o día 30 de outubro de 2015.