O Centro do Viño de Monforte consolídase como centro dinamizador e de promoción enoturística

Según o balance do Centro nos últimos 12 meses, a tenda do viño incrementou as vendas nun 17%

O Centro do Viño de Monforte atendeu a máis de 11.600 persoas nos últimos doce meses

cata vinos rsacra- cata1
A actividade do Centro do Viño xira en torno á enoloxía da Ribeira Sacra, aínda que tamén promove a realización de eventos diversos todo o ano. Arquivo EC.

 

• A mediados deste mes, o Centro do Viño presentou o balance de actividade dos últimos doce meses, no que foi o segundo ano de xestión da empresa concesionaria, Rutas Sacras Nomar UTE. O xerente do Centro, José Manuel Martínez Mareque, afirmou que «o Centro do Viño segue a ser unha referencia para os que visitan a Ribeira Sacra», xa que no último ano atendeu a máis de 11.600 persoas. Por unha banda, o Museo do Viño recibiu máis de 3.000 visitas, e a tenda do viño vendeu preto de 12.000 botellas, o que supuxo un incremento de máis do 17% respecto ás vendas do ano anterior. Asimesmo, o Centro desenvolve unha intensa axenda de actividades ao longo de todo o ano, e que abranguen todo tipo de sectores culturais e sociais. Dende exposicións ata presentacións de libros, pasando por obradoiros e unha feira de artesanía na que participan un importante número de artesáns da Ribeira Sacra. O Centro do Viño tamén acolleu a celebración de conferencias e reunións de diferentes colectivos culturais, sociais e deportivos, así como visitas de escolares e eventos promocionais. Sen olvidar a razón de ser desta entidade, o Centro do Viño aposta forte pola promoción da riqueza enolóxica da Ribeira Sacra dende Monforte, como centro neurálxico da contorna. Este ano celebrou a segunda edición da Festa do Viño Novo, organizada tematicamente en torno a algún dos aspectos máis significativos da cultura do viño da Ribeira Sacra. Ademais, puxo en marcha en novembro pasado a primeira edición da Cata-Concurso «Patrimonio Ribeira Sacra», na que participaron 110 viños de 55 adegas desta Denominación de Orixe. A labor promocional materialízase tamén nas presentacións de viños e catas de caldos e augardentes que se desenvolven periodicamente neste Centro. Ademais das accións presenciais, dende o Centro do Viño aproveitan o potencial das novas tecnoloxías para impulsar os seus viños. Proba disto é a incorporación, hai catro meses, dun código QR a todas as botellas que están á venda na tenda do viño, e a través do que se pode visualizar un vídeo promocional desta zona vitivinícola. Este sistema complementa as funcionalidades da plataforma de venda virtual, o que abre o amplo horizonte de internet á comercialización e promoción dos viños da Ribeira Sacra. •

Monforte, presente na mostra Expocidades

O alcalde de Monforte, José Tomé, no seu primeiro acto institucional na mostra Expocidades, en Viana do Castelo. (Foto cedida).
O alcalde de Monforte, José Tomé, no seu primeiro acto institucional na mostra Expocidades, en Viana do Castelo. (Foto cedida).

O Centro do Viño representou a Monforte na mostra turística Expocidades, celebrada en Viana do Castelo do 19 ao 21 de xuño. Nesta cita, José Tomé desenvolveu o seu primeiro compromiso institucional como alcalde de Monforte, e como tal falou do potencial turístico da cidade do Cabe e da Ribeira Sacra aos medios de comunicación portugueses.

Monforte amosou a súa riqueza enolóxica e de ocio no stand do Centro do Viño, xunto a outros 31 expositores, nunha mostra que ten como obxectivo impulsar o turismo de proximidade entre as cidades do Eixo Atlántico. Ademais, esta entidade solicitou a declaración de Patrimonio Inmaterial para o Camiño de Inverno e os dous camiños portugueses a Santiago.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O paro baixou en maio en todas as comarcas do sur de Lugo

Seguinte Nova

Exposición no Pazo de Tor

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: