• Dende este mes de xuño e ata mediados de setembro, Quiroga desenvolverá unha intensa programación lúdica e cultural para disfrutar do verán. A piques de rematar xuño, o día 27 haberá Música na Rúa, entre os bares Palmeras e Portón. O domingo 28 de xuño, o CIM de Quiroga organiza unha excursión polas pasarelas do río Mao e viaxe en catamarán. Outra das excursións previstas é a organizada polo Centro Social o día 30, que estrea esta iniciativa cunha viaxe dun día ás Rías Altas-Costa da Morte, e que terá unha segunda edición o día 15 de xullo.
ARRANCAN OS CAMPAMENTOS DE VERÁN E O PROGRAMA DE OCIO XUVENIL
Xa no mes de xullo, a programación de verán de Quiroga arrinca cos Campamentos de Verán para nenos e nenas de 3 a 12 anos, con actividades variadas de luns a venres, en horario de 11 a 14 horas. Para rapazas e rapaces maiores, entre 12 e 18 anos, está pensado o Programa de Ocio Xuvenil, que ofrece obradoiros creativos os xoves, xogos e ximcanas os venres, e as «Noites Alternativas» os sábados.
Ademais, en xullo terán lugar as clases de preparación en competencias clave e graduado en ESO para adultos, organizadas pola área de Servizos Sociais. Durante o mes de xullo, tamén poderá verse no Museo Etnográfico unha exposición de traxes rexionais.
MÚSICA NA RÚA, E CONCURSO DE SELFIES E DEBUXO
O día 2 de xullo realizarase unha excursión a Cerceda e Santiago, con visita ás instalacións de Sogama, organizada polo Centro Social. A Música na Rúa continuará o día 3 entre os bares Raposo e Quiper, para continuar o día 11 entre o Zorro e o Félix, o 18 no Mesón Ferreiriño, e o 24 entre a Adega da María e o Mesón da Clara. O 6 será o día fotográfico, coa celebración do concurso «Selfie en Quiroga», e o 13 celebrarase o concurso «Quiroga en Debuxo».
QUIROGA ESTREA DA LIGA DE FÚTBOL SALA DE VERÁN
En deportes, do 6 ao 31 de xullo xogarase a I Liga de Fútbol Sala de Verán. Ademais, o deporte continúa coa celebración, do 13 ao 18 de xullo, do Campus de Fútbol Concello de Quiroga. Xa no eido cultural, o día 25 de xullo terán lugar en Quiroga os tradicionais actos que conmemoran o Día de Galicia.•