Julio Álvarez inicia o seu oitavo mandato á fronte da Alcaldía de Quiroga

Logo de xurar como alcalde, Álvarez ofreceu o bastón de mando «ao pobo de Quiroga», e rematou o seu discurso desexando «calidade de vida para todos os veciños»

Julio Álvarez, logo de tomar posesión como Alcalde de Quiroga o pasado 13 de xuño, no comezo do que será o seu oitavo mandato consecutivo.  (Foto cedida).
Julio Álvarez, logo de tomar posesión como Alcalde de Quiroga o pasado 13 de xuño, no comezo do que será o seu oitavo mandato consecutivo. (Foto cedida).

• O pasado 13 de xuño, Julio Álvarez xuraba o seu cargo como Alcalde de Quiroga, e daba comezo así ao seu oitavo mandato consecutivo á fronte da Corporación quiroguesa.

«MAN TENDIDA» Á OPOSICIÓN, E ÁNIMO PARA «TRABALLAR TODOS POR QUIROGA»

Tras tomar posesión, Álvarez ofreceu o bastón de mando «ao pobo de Quiroga», e pronunciou palabras de agradecemento aos veciños e veciñas asistentes ao Pleno de constitución da Corporación municipal. No seu discurso, Julio Álvarez tendeu a man aos membros da oposición, animando a todos «a traballar por Quiroga, unidos e tamén individualmente dende os seus propios partidos». O alcalde rematou a súa intervención co desexo de que «todos os veciños de Quiroga teñan calidade de vida».

NOVA MAIORÍA ABSOLUTA PARA O PARTIDO POPULAR EN QUIROGA

Julio Álvarez liderará un goberno en maioría, cunha ampla marxe de acción ao contar con oito concelleiros. Esta composición é resultado do apoio obtido por Álvarez nos comicios do 24 de maio, onde o Partido Popular acadou 1.552 votos, o 66,78% do total.

COMPOSICIÓN DA NOVA CORPORACIÓN MUNICIPAL EN QUIROGA

Así, o grupo popular no Concello de Quiroga estará integrado por Julio Álvarez Núñez, Ana Mª Núñez García, Andrés Novoa Arza, Rosa Mª Arza Rodríguez, José Luis Rivera Castro, María Dolores Sánchez Durán, José Enríquez Álvarez, e José Ángel Rodríguez Raposo.

Pola súa banda, os concelleiros polo Partido Socialista na Corporación quiroguesa serán Vicente Parra Vizcaíno e Maximina Canseco Prieto. Por último, o Bloque Nacionalista Galego estará representado no Concello de Quiroga por Amparo Montenegro Díaz.

O Pleno de organización celebrarase o 26 de xuño, para establecer a periodicidade das sesións plenarias, fixar a composición das comisións informativas permanentes, e nomear aos representantes da Corporación en órganos colexiados. Ademais, o alcalde dará a coñecer aos responsables das delegacións de goberno e aos tenentes de alcalde.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober, primeiro concello de España en constituírse

Seguinte Nova

Todo listo para iniciar os Campamentos de Verán en Quiroga

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: