• Quiroga acollerá a comezos de xullo as II Xornadas de Xeoloxía organizadas polo Grupo de Desenvolvemento Rexional (GDR) Ribeira Sacra. Según explicaron os responsables deste evento, o éxito da primeira edición no ano 2012 animou a recuperar esta iniciativa, que reunirá na Casa da Cultura de Quiroga a expertos de talla internacional os días 3, 4 e 5 de xullo.
Con estas xornadas, o GDR Ribeira Sacra pretende promocionar o territorio a través da posta en valor dos recursos xeolóxicos, apostando por unha diferenciación comarcal. Según os responsables desta iniciativa, a importancia científica e ambiental do patrimonio xeolóxico da zona supón unha oportunidade para o desenvolvemento económico e social da Ribeira Sacra.
A xornada do venres 3 de xullo estará centrada na análise doutras experiencias comarcais de aproveitamento do patrimonio xeolóxico, coa participación de representantes do parque xeolóxico Costa Quebrada en Cantabria, do Xeoparque de Villuercas Ibores Jara en Extremadura, e do Xeoparque da Costa Vasca.
As sesións de mañá do sábado día 4 abordarán aspectos concretos da Ribeira Sacra, como a orixe xeolóxica do Courel a partir dos seus fósiles, os neandertais e sapiens nas depresións terciarias galegas, e as exploracións espeleolóxicas no entorno da Serra do Courel. Ademais, analizarase a experiencia da posta en valor do patrimonio xeolóxico na comarca de Quiroga.
O traballo de campo o resto do tempo, con visitas guiadas por expertos. O sábado pola tarde visitarase o túnel romano de Montefurado, ademais dunha viaxe en catamarán polo Canón do Sil, unha parada na Olería de Gundivós, e unha cata de viños en adega. O domingo pola mañá realizarase unha ruta de sendeirismo polo Camiño de Ferradal.
As inscricións formalizaranse no correo electrónico grupogdr8@yahoo.es. A inscrición para as ponencias é gratuíta, e os interesados en participar ademais nas as visitas guiadas e a ruta de sendeirismo deberán abonar unha cota de 15 euros por persoa. A organización dispón de 60 prazas para as saídas do sábado pola tarde e domingo pola mañá, que se asignarán por rigurosa orde de inscrición.•