•O alcalde, Luis Fernández Guitián, convocou o pleno de constitución da Corporación local ás 00,01 horas do 13 de xuño •Con esta iniciativa, Sober reafirma o seu «espaldarazo á Ribeira Sacra na candidatura a Patrimonio da Humanidade»
• A Corporación local de Sober foi a primeira de España en constituírse. O Pleno de constitución tivo lugar ás 00,01 horas do sábado 13 de xuño, nun xesto simbólico para reafirmar o «espaldarazo do Concello de Sober á Ribeira Sacra na súa candidatura a Patrimonio da Humanidade».
GUITIÁN: «A RIBEIRA SACRA É ÚNICA, E POR ISO DEBE SER DISTINGUIDA POLA UNESCO»
Con este manifesto, o alcalde do Partido Popular, Luis Fernández Guitián, deu comezo ao que será o seu segundo mandato á fronte do Goberno soberino. Guitián agradeceu o apoio de todas as institucións, organismos e particulares, «como os nosos adegueiros e viticultores, que día a día co seu traballo e o seu tesón lle ensinan ao mundo que esta terra é única e por iso debe ser distinguida pola UNESCO».
PROMOCIONAR SOBER «MÁIS ALÁ DAS NOSAS FRONTEIRAS»
Fernández Guitián explicou na sesión de investidura que «Sober decide por segundo mandato consecutivo celebrar o Pleno máis madrugador de España para que a localidade siga sendo un reclamo máis alá das nosas fronteiras, e sirva como o primeiro paso para que novos visitantes se acheguen á nosa terra».
CONTINUIDADE NAS ACCIÓNS PROMOCIONAIS DE AMPLA REPERCUSIÓN
Na súa toma de posesión como alcalde, Fernández Guitián comprometeuse ademais a seguir deseñando accións que contribúan «a que Sober siga tendo un sitio destacado no mapa a nivel internacional». Guitián fixo mención a algunha destas accións xa desenvolvidas, como o concerto do grupo Sôber en Sober, ou a celebración anual da Feira do Viño de Amandi, un evento que sempre conta coa presenza de pregoeiros relevantes «que levan o nome de Sober alí onde van».
Guitián destacou que un dos «tesouros» máis importantes da Ribeira Sacra son os seus viños e a viticultura heroica. O brindis con viño de Amandi con que o alcalde pechou a súa intervención está vinculado a este apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, porque axudaría a que «os nosos caldos sigan gañando presencia nacional e internacional».
A Corporación local de Sober foi constituída con sete concelleiros do Partido Popular, que acadou maioría absoluta nas municipais do 24 de maio, máis dous edís do PSdeG-PSOE, e dous de Agroma Sober.•