A Universidade de Santiago presentou en Monforte a súa oferta académica para o vindeiro curso

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, durante a rolda de prensa en Monforte. GPCM.
O alcalde de Monforte, José Tomé, e o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, durante a rolda de prensa en Monforte. GPCM.

• O pasado 8 de xullo, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, visitou Monforte para dar a coñecer a oferta académica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o vindeiro curso. O vicerreitor, que estivo acompañado polo alcalde de Monforte, José Tomé, aproveitou a súa presenza na cidade do Cabe para destacar «o forte arraigo» que conserva a USC en Monforte de Lemos, así como nas comarcas do Courel, Chantada e Sarria. Neste senso, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo lembrou que son preto de 700 os estudantes procendentes destas comarcas da Galicia interior que completaron estudos nos distintos centros da Universidade de Santiago durante o curso 2014-2015. Destes 684 estudiantes do sur lucense, 269 estaban matriculados no campus de Lugo.

MONFORTE, SARRIA E CHANTADA, OS CONCELLOS CON MÁIS UNIVERSITARIOS NA USC

Por concellos, Monforte é o municipio que máis alumnado tivo na Universidade de Santiago o curso pasado, con 173 matriculados, seguido de Sarria con 163, e Chantada con 102. Pola súa banda, Taboada tivo 34 persoas matriculadas na USC, e Carballedo 10. Na comarca de Sarria, foron 27 os estudiantes de Láncara que completaron o curso pasado na Universidade compostelá, e 16 procederon do Páramo, ademais dos 14 de Paradela, os 13 de O Incio, e os 10 de Samos, aos que hai que sumar outros 8 procedentes de Triacastela. En canto ao Courel, Quiroga enviou o pasado curso 24 estudiantes á USC, aos que se engaden os 9 de Folgoso e outros 3 de Ribas de Sil. Respecto á comarca de Lemos, O Saviñao rexistrou 28 estudiantes na USC, Pantón 15 matriculados, e Sober 14, aos que se suman 12 de A Pobra do Brollón e 9 de Bóveda.

OFERTA ACADÉMICA NO CAMPUS DE LUGO

A principal novidade da oferta académica da USC para o curso 2015-2016 é a implantación de 8 títulos dobres de grao, dos cales dous, os graos en Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía, e o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, se impartirán na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, con 10 novas prazas en cada un.

Respecto da oferta de títulos de grao no campus de Lugo, a USC mantén estable a programación dos últimos anos, conformada por 15 títulos: Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Veterinaria, ADE e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria, Enfermaría, e Relacións Laborais e Recursos Humanos.

DESCONTOS NA MATRÍCULA

A programación de másteres que oferta a USC no campus de Lugo recupera os posgraos en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, e o máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega, o que eleva a 12 o número de posgraos.

Ademais, os estudantes de que formalicen a súa inscrición en 10 dos 15 títulos de grao impartidos no Campus lucense poderán acollerse ás bolsas do 50% da matrícula financiadas pola Deputación de Lugo a través da campaña «Para estudar Lugo». Aos seis mellores expedientes de cada grao se lles subvencionará totalmente a matrícula, e aos tres mellores expedientes para os masters.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Candia presentou á nova Corporación provincial

Seguinte Nova

Tomé propón trasladar o mercadillo do Parque dos Condes

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: