• Dende o 1 de xullo e ata finais de agosto, a piscina municipal de Sober ofrece un variado programa de actividades para todos os públicos.
FESTA ACUÁTICA MENSUAL CON INCHABLES, E BIBLIOPISCINA
Ademais dunha festa acuática con inchables unha vez ao mes, a piscina de Sober conta con eventos diarios. O servizo de bibliopiscina estará dispoñible durante o horario de apertura das instalacións.
CURSOS DE NATACIÓN, AQUAGYM E OBRADOIROS PARA OS MÁIS CATIVOS
Ademais, os martes e xoves haberá cursos de natación para adultos e cativos. Os mércores ás 19,00 horas desenvolveranse obradoiros de pintura. A actividade de aquagym terá lugar os mércores e venres ás 16,30 horas, e os venres ás 19,00 horas haberá obradoiros para os máis pequenos. Para poder participar en calquera das actividades, será necesario anotarse na propia piscina.
BONOS FAMILIARES E INDIVIDUAIS, E HORARIO DA PISCINA
En canto a prezos, dende o Concello de Sober ofrecen varios paquetes de acceso ás instalacións, con bonos mensuais familiares ou infantís, e tamén bonos individuais. Ademais, o acceso de menores de seis anos é gratuíto. A piscina de Sober está aberta de luns a domingo, en horario de 13,00 a 21,00 horas.•