• Coa chegada do verán, o Concello de Ribas de Sil está a poñer en marcha unha intensa programación de carácter lúdico e cultural para todos os públicos. Teatro, música, maxia e xogos integran o programa de actividades, que teñen lugar as fins de semana do verán no Anfiteatro da Praia Fluvial de San Clodio.
MAXIA E CLOWN
O sábado 11 de xullo ás 22,00 horas Javier Muro ofrecerá o seu espectáculo de maxia «Fantasía máxica». O domingo día 12, a partir das 20,00 horas, nenos e maiores poderán disfrutar do número de mimo e clown «Nono», a cargo de Arturo Cobas.
TEATRO E CONTACONTOS
Ademais, o teatro tamén ten o seu espazo no verán de San Clodio. O sábado 18 de xullo ás 22,00 horas, o grupo de teatro local Augas do Sil porá en escea un dos seus proxectos máis exitosos. Xa o domingo día 19, Caxoto ofrecerá un contacontos para os máis cativos, baixo o título «Conto para escoitar mentres bailamos un vals», a partir das oito da tarde.
VELADA MUSICAL E NOVO CIRCO
O sábado 25 ás once da noite, o dúo Yoantonio animará a velada coa música de piano e violín. O domingo 26 dende as oito da tarde, desenvolverase o número de novo circo «O autoestopista intergaláctico», a cargo de Aitor Garuz.•