O Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia coordina as accións da Xunta e do Goberno central

O Plan de Prevención e Defensa contra Incendios forestais ten 7.000 efectivos

Reunión mantida en Santiago do pasado 26 de xuño para constituír o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia. CMRM
Reunión mantida en Santiago do pasado 26 de xuño para constituír o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia. CMRM

• Coincidindo co inicio do periodo de alto risco de incendios forestais o pasado 1 de xullo, púxose en marcha o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia, que estará operativo ata o vindeiro 30 de setembro. Este Comité está presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o subsecretario do Ministerio del Interior, Luis Aguilera, e ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e o Goberno Central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

COLABORACIÓN ESTATAL A TRAVÉS DA POLICÍA NACIONAL E GARDA CIVIL

O Estado, en colaboración coa nosa Comunidade para a prevención e loita contra o lume, mantén nesta campaña os medios e recursos necesarios, coa mesma capacidade de intervención que en anos anteriores. O Ministerio de Interior participa coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e colabora a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, quen realiza actividades de coordinación e información, co apoio da súa Sala Nacional de Emerxencias (SACOP), que se reforza operativamente; ao igual que se potencia a cooperación internacional e se perfeccionan os procedementos de alerta, información e a activación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), entre outras accións.

O Corpo Nacional de Policía, a través da denominada Operación LUMES, participa coa realización de labores de prevención e defensa contra os incendios forestais e os que se producen na proximidade de áreas urbanas. Inclúe a creación temporal dun equipo especial multidisciplinar chamado CIGI (Grupo de Investigación de Criminalidade Incendiaria), composto por expertos en investigación de incendios de Policía Xudicial e especialistas en Policía Científica.

Na mesma liña, a Garda Civil reforza os seus efectivos en Galicia con especialistas do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), repartidos polas catro provincias, e cun elevado número de medios materiais e humanos, como os equipos de investigación en incendios, a Unidade contra o Crime Incendiario, efectivos da Agrupación Rural de Seguridade, do Escuadrón de Cabalaría e da Policía Xudicial, así como un helicóptero con base na Coruña.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa colabora en temas preventivos a través da operación Centinela Galega, con vixilancia disuasoria con patrullas que se despregarán según as necesidades.

CONVENIO ENTRE A XUNTA E O EXÉRCITO

Ademais, a finais de xuño tivo lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Defensa para reforzar a vixilancia nos montes galegos, co obxectivo de disuadir e reducir a actividade incendiaria. Esta colaboración venser realizando dende o ano 1999, e comprenderá o período entre o 15 de xullo e o 15 de setembro. O executivo galego contempla un orzamento de 569.195 euros, aínda que pode variar según os graos de perigosidade das actuacións. Os operativos despregados tamén variarán según as necesidades, dende 25 patrullas terrestres no primeiro grao, 50 e un helicóptero no segundo e 75 e dous helicópteros no último.•

Colaboración cidadá para manter limpas as fincas próximas a vivendas

A titular de Medio Rural pediu a colaboración da cidadanía para manter limpas de maleza as fincas próximas a vivendas, para non complicar os traballos de extinción de incendios. Por outra banda, Rosa Quintana felicitou aos membros do Servizo de loita contra incendios forestais da Xunta pola súa eficacia ao actuar nos primeiros lumes da temporada. A conselleira sinalou que Galicia «é a Comunidade na que máis esforzos se fan na loita contra o lume para ter un bo servizo de prevención e extinción de incendios» e pediu tranquilidade á poboación, porque saben que «están en boas mans».

Sobre a suposta «falta de medios», a conselleira indicou que «non hai tal, xa que os incendios foron sufocados de maneira eficaz e eficiente polos medios de extinción». Quintana amosou a súa comprensión polas queixas puntuais en relación coa suposta falta de medios, pero ao tempo advertiu que «tamén me podo queixar eu do estado de abandono que teñen determinadas fincas que están ao lado das casas».

OBRIGAS POR LEI

este sentido, demandou a colaboración cidadá para que «as fincas que están preto das casas estean limpas, porque nun incendio a comezos deste mes vin como os brigadistas do noso Servizo víronse obrigados a abandonar o lume forestal para ir atender as casas». Dende a Consellería lembraron que a normativa contempla claramente que a responsabilidade do mantemento do perímetro de protección de casas e construcións corresponde unicamente aos propietarios dos terreos, sendo a local a administración subsidiaria responsable.

 

PLADIGA 2015: As cifras da loita contra o lume

• A mediados do mes pasado, o Consello da Xunta deu o visto bo ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios forestais de Galicia (PLADIGA) do ano 2015, que según precisou o presidente da Xunta, ten como obxectivo «evitar o máximo número posible de lumes e reducir ao máximo os danos ocasionados polos que se poidan producir».

Núñez Feijóo explicou que «mantemos o dispositivo de vixilancia e extinción do ano pasado , formado por 7.000 efectivos», dos que 5.767 persoas estarán directamente contratadas pola Xunta, ás que se suma o persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Respecto dos medios materiais, o dispositivo antiincendios contará con 32 medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que achega o Estado; e 360 motobombas da Administración autonómica, os Concellos e os parques de bombeiros adscritos ao plan. Este Pladiga 2015 adáptase ao Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais, aprobado polo Goberno, e redefine as situacións operativas de emerxencia que deben contemplar os plans.

O presidente da Xunta tamén recalcou que o Pladiga afonda «nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal, que é a concienciación: sermos conscientes de que están a queimar Galicia, o noso presente e o noso futuro». A Xunta adquiriu o compromiso de manter e reforzar os programas de concienciación. Nesta liña, durante este curso, máis de 11.000 estudantes de primaria e secundaria recibiron charlas do persoal dos Distritos Forestais. De xeito complementario, desenvolvéronse programas como «O Monte Vivo» e «Montentérate», no que participaron máis de 600 alumnos.•

 

 

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha a programación lúdico-deportiva en A Pobra

Seguinte Nova

Candia presentou á nova Corporación provincial

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: