
• Dende o 26 de xullo ata o 2 de agosto, un grupo de bretóns visitará Sarria e a súa contorna na viaxe que cada dous anos lles prepara a delegación galega da Irmandade Sarria-Guerlédan. Para devolver a visita que os sarriáns realizaron o ano pasado a terras de Bretaña, neta ocasión os bretóns poderán disfrutar duns días de cultura, viaxe, gastronomía e confraternidade, aloxados con familias sarriás.
A expedición chegará o domingo 26 de xullo pola noite, e ao día seguinte se lles ofrecerá unha recepción oficial no Concello de Sarria, ás 10 horas. Aproveitando que é día de feira, o grupo xantará nos postos de polbo, antes de partir cara Lóuzara, para realizar un percorrido polo roteiro de Fiz Vergara Vilariño.
Na mañá do martes 28, o grupo partirá cara o concello de As Pontes, onde realizará unha visita ás instalacións de Endesa e ao lago da antiga mina, para coñecer o proceso que aquí se sigue no acondicionamento de espazos lacustres, e comparalo co aproveitamento deste tipo de entorno que se realiza na Bretaña. Ao mediodía, a expedición dirixirase á vila de Viveiro, onde disfrutará dun picnic no xantar, e participará nunha visita guiada polo centro urbano.
O mércores 29 terá lugar unha recepción aos visitantes bretóns na Deputación de Lugo, para realizar a continuación unha visita pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, con paradas nas Insuas do Miño, Penas de Rodas e o complexo de Avifauna. O Camiño de Santiago centrará a actividade do día 30. Comezará cunha visita a Triacastela, e continuará cun percorrido de oito quilómetros pola ruta xacobea ata o albergue Paloma y Leña, no que os visitantes será agasallados cun xantar. A continuación, comezará un festival de música tradicional, coa participación dos Gaiteiros de Goián e Os Eoas.
O día 31 terá lugar unha triple visita, que inclúe o Museo Etnográfico Panadería Pallarés, as instalacións de Fontecelta, e a gandeiría Quintián. A xornada rematará cunha cea de confraternidade.
O 1 de agosto estará adicado á convivencia coas familias que acollen aos visitantes, con actividades propias. O día 2, antes da partida, os bretóns despediranse de Sarria cunha visita ao Salón de Outono.•