•Entregan á Xunta a memoria técnica na que se baseará a presentación desta candidatura diante da Unesco
• A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade vén de dar un novo paso, fundamental para a súa presentación diante do comité técnico da Unesco.
O pasado 18 de xullo, o mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos acolleu a entrega ás autoridades da memoria científica elaborada por un equipo multidisciplinar de profesionais, na que se avala con argumentos técnicos de diferentes disciplinas científicas os valores da Ribeira Sacra para ser incorporada no catálogo de lugares considerados Patrimonio da Humanidade.
Esta documentación foi recepcionada polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, xa que é a Xunta de Galicia a administración encargada de dar o seguinte paso no proceso de elaboración desta candidatura, baseándose neste estudo científico.
TRABALLO REALIZADO POR UN EQUIPO TÉCNICO DE VARIAS DISCIPLINAS CIENTÍFICAS
A memoria presentada é o resultado do traballo realizado por un equipo de técnicos seleccionados polo Valedor do Pobo, e financiado polas Deputacións de Lugo e Ourense. Este materia deberá ser analizado polos responsables da Consellería de Cultura e Educación, para proceder a completalos, se fose o caso, e validar o expediente.
No acto celebrado en Esgos estiveron presentes, ademais do conselleiro de Cultura e Educación, o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o responsable da Área de Turismo e Patrimonio da Deputación, Juan Carlos Armesto; e o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez.
AGORA, A XUNTA DEBERÁ DECLARAR Á RIBEIRA SACRA COMO BEN DE INTERÉS CULTURAL
Logo da entrega da memoria técnica, os representantes institucionais solicitaron á Xunta de Galicia que proceda a formalizar a correspondente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, xa que é o paso previo e imprescindible para avanzar cara a declaración definitiva por parte da UNESCO.
Según explicaron os responsables da Consellería de Cultura, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural será a encargada de supervisar o contido da documentación recibida, e proceder ás tramitacións correspondentes para levar adiante a defensa da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da UNESCO.•
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, foi elixido presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra
Relevo á fronte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, que agrupa a 21 concellos de Lugo e Ourense
• O pasado 20 de xullo, o Pleno do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra elixiu por unanimidade ao alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, como novo presidente deste organismo. Guitián agradeceu o apoio dos 21 Concellos integrantes desta entidade, así como do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e comprometeuse a facer un traballo “serio e responsable” para que o Consorcio siga a ser “un dos organismos de referencia para a Ribeira Sacra e, sobre todo, impulsar a candidatura ante a Unesco para que a zona sexa declarada Patrimonio da Humanidade”.
CONCELLOS Á VANGARDA DO TURISMO
“Como alcalde de Sober asumo un novo reto no que procurarei que os nosos Concellos estean á vangarda do turismo a nivel galego e nacional, ese será o meu compromiso irrenunciable, para o que comezamos a traballar desde esta mesma tarde”, declarou Fernández Guitián, logo da súa designación á fronte deste organismo supramunicipal.
Na súa intervención, o novo presidente do Consorcio agradeceu o traballo do anterior equipo, nomeadamente do presidente saínte, Carlos Armesto, e da actual xerente, Alexandra Seara. Ademais, Fernández Guitián comprometeuse a estudar a proposta de que a sede se traslade a un lugar fixo, tal e como propuxo o alcalde de Monforte, José Tomé Roca.•