A Deputación mellorará os itinerarios dos catamaráns da Ribeira Sacra

•O Deputado de Turismo e Patrimonio comprobou in situ o funcionamento deste servizo no Sil e no Miño

O deputado de Turismo e Patrimonio, Juan Carlos Armesto, fixo unha visita técnica á Ribeira Sacra, acompañado de técnicos e persoal desta área. GPDL.
O deputado de Turismo e Patrimonio, Juan Carlos Armesto, fixo unha visita técnica á Ribeira Sacra, acompañado de técnicos e persoal desta área. GPDL.

• A mediados de xullo, o deputado de Turismo, Patrimonio, e Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, Juan Carlos Armesto, realizou unha visita de traballo polas zonas dos canóns do Sil e do Miño, para analizar o funcionamento dos catamaráns. Durante esta visita, Armesto afirmou que o organismo provincial quere “enriquecer este servizo, polo que temos como obxectivos a mellora dos itinerarios e novas propostas de traballo”.

ANALIZAR O FUNCIONAMENTO DO SERVIZO, TENDO EN CONTA A OPINIÓN DOS PROFESIONAIS E DOS USUARIOS
A visita comezou no Canón do Sil, onde Armesto, acompañado por técnicos e persoal da área de Turismo provincial, comprobou in situ a situación das instalacións, do club náutico e das embarcacións, ademais de verificar o estado da sinalización e promoción da zona. Asimesmo, Armesto mantivo contactos co persoal encargado das excursións fluviais, que inclúe aos guías e patróns de barco. A continuación, o responsable provincial de Turismo realizou unha visita de similares características ao embarcadoiro de Belesar, no río Miño.
Armesto precisou que o coñecemento do servizo e do seu funcionamento, o contacto co persoal e tamén a opinión e grao de satisfacción dos seus usuarios “axudarán a obter unha mellora no servizo, potenciando o que está a funcionar correctamente e mellorando os aspectos negativos do mesmo”.
Por outra banda, Juan Carlos Armesto anunciou que os guías turísticos dos catamaráns na Ribeira Sacra empregarán tamén o castelán durante este verán nas súas explicacións. “Ata agora a administración provincial ofrecía as distintas informacións en galego, o que dificultaba o entendemento a unha ampla maioría de visitantes procedentes de fóra da comunidade autónoma”. Deste xeito, o servizo ofrecerase tanto en galego como en castelán, e se está a estudiar a posibilidade de ofrecer un servizo de audioguía, que permitirá realizar guías personalizadas noutros idiomas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Feijóo e Candia afondarán na colaboración institucional para mellorar os servizos públicos e nos sectores estratéxicos da provincia de Lugo

Seguinte Nova

A Xunta insta á cidadanía a un consumo responsable da auga ante a perspectiva dun verán máis seco do habitual

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: