•Tamén recomendan extremar as precaucións para evitar os incendios forestais
• A Xunta de Galicia está a intensificar o seguimento do nivel dos encoros, e instou á cidadanía a un consumo responsable de auga ante as perspecectiva dun verán máis seco do habitual. Augas de Galicia activou o pasado 14 de xullo o estado de prealerta de seca hidrolóxica, unha vez analizada a situación meteorolóxica e os niveis de auga nas bacías da demarcación Galicia-Costa. A Administración Hidráulica de Galicia detectou no último mes un empeoramento significativo de varios dos indicadores que se avalían de forma continua, para determinar o estado hidrolóxico da demarcación Galicia-Costa, polo que decidiu esta activación do estado de prealerta.
O ABASTECEMENTO Á POBOACIÓN ESTÁ GARANTIDO, PERO RECOMENDAN EVITAR GASTOS INNECESARIOS DE AUGA
Esta situación implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveles de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais prevense medidas de concienciación da cidadanía. A pesar de que os encoros presentan boas reservas de auga que garanten o abastecemento a poboación, os técnicos detectan caudais por debaixo do normal en varios ríos debido á falta de precipitacións e unha elevada taxa de evaporación ocasionada por las altas temperaturas rexistradas no que vai de verán. A tendencia rexistrada é a baixa tanto no nivel das reservas dos encoros como nos caudais fluíntes dos ríos. Ademais a curto prazo non se agardan episodios de chuvia xeneralizada na Comunidade galega.
Por todo isto Augas de Galicia instou a toda a cidadanía e aos Concellos a unha moderación no seu consumo da auga ante a perspectiva dun dos veráns máis secos dos últimos anos. Recomenda un consumo responsable da auga e evitar o gasto innecesarios e o desperdicio do recurso.
RECOMENDACIÓNS PARA EVITAR LUMES FORESTAIS DURANTE ESTE VERÁN
A escaseza de chuvias incide tamén no incremento do risco de lumes forestais, que é moi elevado ou mesmo extremo en case toda Galicia. Xa que logo, convén extremar as precaucións para evitar os incendios.
Diante desta circunstancia, a Consellería do Medio Rural e do Mar mantén activadas unha serie de recomendacións, entre as que salientan a prohibición de facer fogueiras ou usar utensilios que xeren lume tanto para cociñar como para iluminar. Tamén está prohibido fumar no monte, así como facer lumes ou queimas. A maiores, está limitado o acceso ao monte de persoas e vehículos e é obrigatorio identificarse ante os axentes e pedir autorización para traballar con maquinaria non forestal nin agrícola que poida soltar faíscas.
Por último, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Detectáronse lumes na parroquia de Ronfe, en Láncara, onde arderon 18,8 hectáreas arboradas e 3 de agrícola. Na parroquia soberina de Neiras o lume afectou a 11,6 hectáreas forestais e 1,4 de superficie agrícola. Tamén na parroquia de San Clodio, en Ribas de Sil, arderon 23,3 hectáreas arboradas e 22,3 rasas.•