•Rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos disfrutan das mañás estivais con actividades variadas
• O Concello de Pantón vén de poñer en marcha estes días as actividades dos Campamentos de Verán, destinados a rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos. As mañás dos martes e xoves centran esta programación, agrupada por idades en dúas quendas. Os participantes de 7 a 12 anos abren a mañá, nun turno que comeza ás 10,30 e remata ás 12,00 horas. A continuación, e ata as 13,30, é o turno dos máis cativos, con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos.
PRAZAS TAMÉN PARA VERANEANTES
Según informaron os responsables destas actividades, nestes primeiros días están a participar un total de 25 nenos e nenas, a maioría procedentes do propio municipio. Será en agosto cando medre a participación nos Campamentos de Verán de Ferreira, como están a comprobar ano tras ano, xa que tamén admiten a cativos procedentes doutras localidades e que estean a disfrutar das súas vacacións en Pantón.
ACTIVIDADES VARIADAS, TANTO EN TALLER COMO NO EXTERIOR
A programación que ofrecen os Campamentos de Verán de Pantón integra diversas actividades, tanto para desenvolver en formato obradoiro, como para disfrutar ao aire libre. Ademais de saídas por diversos puntos do municipio, para coñecer o entorno natural e patrimonial de Ferreira, os nenos e nenas que participan nos Campamentos de Verán de Pantón desenvolven proxectos centrados nas habilidades manuais e na expresión corporal e artística, e que cada ano se renovan para facelos máis lúdicos e creativos. Dende manualidades ata reciclaxe, pasando por xogos tradicionais ou teatro, os cativos poden encontrar nos Campamentos de Pantón un espazo de lecer dinámico e divertido.•